jueves, 22 de noviembre de 2018

Miriam Ocáriz, FV 22.11.2018








Miriam Ocáriz. A debuxante modista.
  A Sala Rekalde de Bilbao dedica unha exposición monográfica á deseñadora  Miriam Ocáriz.  Dende o 25 de outubro até o próximo 3 de febreiro pódese visitar esta mostra de artes téxtiles, na que o debuxo e a pintura xunto ás formas escultóricas e arquitectónicas,  teñen tanto que comunicar coma os vestidos, os tecidos, os accesorios, os materiais, os patróns e o corte.                                                    
   En todas partes se fala de deseño e moda, é unha teima da rúa e dos mass media, así  que con cuestionables cavilacións, os museos están abrindo as súas portas ás exposicións de moda arrastrados polo ouvear da rúa que manifesta un indiscutible interese hedonista ademais de estético pola cuestión social da moda. Esas exposicións de moda teñen chegado para ser un fenómeno de masas.
   A meirande parte desas mostras de moda que se comisarían nesta derradeira década están dedicadas a deseñadores dos nosos días procedentes de escolas de arte. Nomes como Alexander McQueen, Iris van Herpen, Marc Jacobs, Dries van Noten, Issey Miyake, Bernhard Willhelm, Martin Margiela, Craig Green, a quen se teñen dedicado exposicións, teñen en común os seus antecedentes académicos. Todos eles proceden de escolas de artes, dito doutro modo, os deseñadores de fin do século XX e século XXI son artistas que elixen o camiño da moda entre outras posibilidades de ámbito creativo. Son artistas que elixen o téxtil, e fan propostas que pasando pola rúa chegan ás salas dos museos e outras veces fan propostas concibidas para ser expostas directamente.
   Unha deseñadora procedente da Facultade de Belas Artes, neste caso do País Vasco, é Miriam Ocáriz a quen se lle dedica arestora unha exposición de título homónimo na Sala Rekalde de Bilbao. Trátase dunha mostra comisariada pola propia deseñadora e polo artista Eduardo Sourrouille, así que o talento como fotógrafo, como creador de instalacións específicas e como executor de accións performativas do Sr. Sourrouille ponse desta volta ó dispor do universo creativo da Sra. Ocáriz.
   O tándem pon en escena un descritivo e inspirador espazo no museo onde a cor rosa gravita sobre cada conxunto de obras. Evitando a orde cronolóxica, as afinidades de discurso entre diversos capítulos da obra da deseñadora aparecen exhibidos en tableaux de composición diversa. A cor negra, a furna de vidro, o altar rosa, a xastrería, os estampados, a camiseta, o universo masculino…son as partes de un todo.  
As fermosas creacións de Miriam Ocáriz atopan un forte ancoradoiro no debuxo. Fráxiles figuriñas de personaxes delicados camiñan entre flores e estampados xeométricos feitos de xeito ológrafo. A cor negra do trazo manual da deseñadora ilumínase ás veces de cores, destacando entre todos eles o rosa, cor preferida da Sra. Ocáriz ó que se lle dedica unha sala.
Os estampados e impresións da deseñadora aparecen non soamente nos modelos de roupa, atopando saias, chaquetas, vestidos, pantalóns, gabáns cubertos de debuxos. Se non tamén nalgúns mobiliarios en nun mural que envolve todo o perímetro da sala e ten unhas cores sinestésicas que van trocando para simular os estados de ánimo.
O negro é unha cor preferida das modas máis intelectuais, dende Cristóbal Balenciaga até Yohji Yamamoto, aparecen devotos do negro. Ámbolos dous están asemade fascinados polas formas e volumes inauditos nas prendas, que se acadan polo patrón, o corte, o tecido, a execución. Miriam Ocáriz presenta tamén un nutrido conxunto de roupa con volumes extraordinarios, siluetas únicas, executadas enteiramente en negro. Que se dispoñen rodeadas de panos e debuxos asemade en negro e branco.
Temos ante nós unha mostra chea de cor, formas arquitectónicas nas roupas e debuxos, estampados, figuracións e decorados. Unha mostra que repasa o universo dunha grande creadora multidisciplinar.
Fábrica de Hombres
Con ese título de Fábrica de Hombres celebrou Miriam Ocáriz unha exposición no ano 2016 na Sala Espacio Marzana de Bilbao. Era unha mostra dedicada ós debuxos de retratos de homes, realizados en diversos soportes, entre outros, pequenos papeis de fumar. Había tamén debuxos e cadros máis grandes, papeis con impresión dixital e intervencións manuais. A exposición facía unha homenaxe ó universo masculino, que de cotío viña sendo tan só unha testemuña na creación da Sra. Ocáriz, pois dedicaba as súas modas, sobre todo ás donas.
Agora varias das instalacións desa fábrica de homes pódense ver na actual exposición entre os traxes rosa, vermellos, estampados florais e xeométricos e tecidos delicados das coleccións femininas. Eses retratos e cadros de homes teñen un estilo manierista, figuras alargadas con xestos pensativos e mirada profunda que con gran unidade formal mostran unha pluralidade de homes…reais!
   Non son os únicos retratos da mostra, pois aparecen reiteradamente retratos de persoeiros ou escenas de paisaxe nas camisetas que fai a deseñadora. A camiseta é unha prenda moi doada para ela, pois ten un prezo máis accesible que a moda de xastrería e modistería que precisa de tecidos, materiais e requisitos técnicos e de produción que levan implícito un alto custo. As camisetas son coma un lenzo para a artista téxtil que tamén fai panos e fulares con debuxos de todo tipo e serven asemade como vehículo comunicador da creatividade da deseñadora.
O estilo fragmentario, de collage, con certo horror vacui de Miriam Ocáriz aparece noutras dúas instalacións da mostra. Nelas como si dun altar mexicano se tratara nun caso e dunha furna de exvotos de santa noutro, se presenta nun bric-à-brac unha pléiade de obxectos referenciais dos intereses varios da creadora.
Unha dona xacente aparecen cuberta de delicados bordados, tecidos de texturas e formas inconexos, lazadas, corazóns, perlas e monequiños de orixes variados. Esa retórica cita a unha figura cerúlea do barroco galego, español, italiano ou alemán, aparece nunha furna de vidro que protexe o conxunto. Unha caixa de cristal que representa é sinécdoque do afán de se protexer perante dos trocos na biografía da deseñadora.
A poucos metros atopamos o altar votivo da memoria que ten pendóns e cadenetas facendo xeometrías, téxtiles estampados de vermello e branco, rosa e flores de porcelana dunha grande fraxilidade. Todo elo evoca o proceso creativo da artista.
Miriam Ocáriz o mesmo que Sybilla, xa non presenta coleccións, pero si fan prestixiosas apostas estéticas e creativas e formas de conferencias, exposicións e pequenas edicións de autor. Con iso nos quedamos.
Román Padín Otero