O PODER DA MODA
As múltiplas caras do poder na moda
son obxecto de estudo nunha publicación e unha exposición do Fashion Institute of
Technology de Nova York. Trátase dunha ubicua análise sobre as facetas que
abrangue a case que ilimitada capacidade semiótica da roupa e a aparencia na
era da hipermodernidade.
Nos nosos días escoitamos de cotío
expresións referidas ó poder asociadas a prendas de roupa. O traxe xastre de
poderío ou os talóns de agulla de poderío son nomes frecuentes que agochan
matices no significado do termo poder. Atopamos poder militar ou de autoridade;
hai poder ligado ó status ou apreciación da posición social; atopamos mesmo moda
de poder como vehículo de resistencia ou protesta; hai poder na imaxinería
sexual; hai en fin unha acepción específica da indumentaria no referido ó traxe
xastre cando se lle nomea traxe de poderío.
Malia a frecuente utilización do termo poder para subliñar á moda, non se
esconde que poucos coñecen o seu verdadeiro significado. Pois se pensamos en
poder como forza ou o que é o mesmo, como tensión da física, non atopamos
relación algunha da enerxía coa vestimenta salvo que entremos nas apreciacións
subxectivas de cada suxeito e cada obxecto. A isto efectivamente se dedica a
exposición que incorpora un interese evidente para os que estamos alén da gran
mazá por motivos de análise cultural e intelectual.
A coordinadora da mostra, Emma McClendon, organiza o espazo da exhibición
en cinco apartados nos que modelos de muller e de home comparten argumentos
para desenrolar a tese da exposición. O poder está presente en cada recuncho do
noso gardarroupa o caso é atopar a súa formulación.
Como modelos do poder relacionado coa estética militar hai uniformes reais
do século XX e hai asemade as libres interpretacións que da cor verde militar e
das casacas, dos botóns e dos estampados cargo fan os modistas. Cando ollamos
traxes castrenses hai dualidade de acepcións. As dos que miran opresión ou as
dos que ollan autoridade ou mesmo aqueles que interpretan orden, sistemática ou
mesmo axuda. Todas esas posibilidades se trasladan á moda.
Canto á sección da posición social que outorga a moda atopamos nela a
natureza dual do concepto, acreditada ou vulgar. Unha robe à la française de
1760 serve para ilustrar a posición social no antigo réxime, con brocados
suntuosos, saias con estrutura ríxida, corpiño, costas Watteau e toda a pompa e
circunstancia do estilo imposto polo criterio dos monarcas absolutistas. A
posición social era a da sociedade cortesán. Outra forma de percepción do
status sería a que se acada coas marcas na sociedade actual de consumismo
suntuario e compras hedonistas. Un rapaz novo ou unha rapaza que segan a estética
do trap atoparán nos logos, nas marcas, nos grandes emblemas e as cores
rechamantes, naquelo considerado vulgar por moitos, o seu símbolo de status. Un
gran colar de Chanel con estética de barrio, ouro ó peso e un gran logo con
tódalas letras do nome da marca son daquela ese novo status da era do consumo.
Non evita iso que para os afeccionados ó minimalismo, á calidade e á
discreción, o poder veña representado por prendas de alta calidade, roupas ben
feitas e duradeiras e ausencia de evidencia do valor do vestido por vía de
logos, emblemas, estampados ou anuncios.
Unha forma de interpretación da moda que se emprega dende a perspectiva de
poder e políticas ou fashion&politics
é a que cumpre un percorrido de vestirse
para a resistencia. Ós antigos vestidos das sufraxistas, ós vestidos dos
sans-culottes, dos republicanos ou demócratas, se engaden nas décadas recentes os
jeans, as cazadoras de coiro, as kilts, as camisetas e outras prendas con
consignas de todo tipo (feministas, anti racistas, naturistas).
Outra sección da mostra narra a relación da moda fetichista e o corpo. Esa
relación de poder entre a faixa e o corpo da muller ou do home que partía de
ser un sistema de opresión no antigo réxime para ser un modo de autoafirmación
no século XXI cos modelos de Jean-Paul Gaultier. Ademais as correaxes, o coiro,
as botas de talón, a roupa interior e outros universos procedentes de Sade,
Pasolini, Fassbinder, conforman o poder da moda e os soños do que con ela
seduce.
UN CERTO TRAXE XASTRE
A dialéctica do poder atopa no power
suit ou traxe xastre a súa máxima expresión. É o traxe levado para subliñar
unha posición laboral ou social, que pode servir para facer unha declaración de
principios feministas ou aínda para poñer en escena un sistema de autodefensa.
Na historia da moda ós traxes xastre de amplas ombreiras que levaban os
executivos homes e mulleres nos anos 1980 son os máis celebrados como power suit. Empregados de grandes
corporacións que ratificaban o seu status, o seu poder e a súa independencia (
canto ás executivas) lucindo traxes de refinadas lanas e sedas, con cortes
rigorosos e perfecta caída nos que apoiaban o seu individual asalto al poder. Nesa década dos anos
1980 ademais a deseñadora Jil Sander acuñaba o termo power suit para definir uns sobrios traxes xastres que toda aquela
muller que tentara de salientar a súa competencia intelectual debía lucir.
Outro importante traxe xastre era o que propuña nos anos 1970 o modista
Yves Saint Laurent, que é celebrado como quen de incorporar o traxe xastre no
armario feminino. Hai na mostra un traxe xastre branco creado polo modista no
ano 1979 que pertenceu á actriz Lauren Bacall.
Noutra acepción do traxe xastre o modisto Thom Browne crea dende hai
décadas as súas coleccións arredor da
idea da estética das universidades da Ivy League. Subliñando un traxe xastre
infantil, con connotacións deportivas e de campus que non está exento de certa
perversión ou poder de pesadelo.
Román Padín Otero