jueves, 30 de enero de 2020

Os poderes da roupa. Semiótica. FV 30.1.2020








O PODER DA MODA
 As múltiplas caras do poder na moda son obxecto de estudo nunha publicación e unha exposición do Fashion Institute of Technology de Nova York. Trátase dunha ubicua análise sobre as facetas que abrangue a case que ilimitada capacidade semiótica da roupa e a aparencia na era da hipermodernidade.
 Nos nosos días escoitamos de cotío expresións referidas ó poder asociadas a prendas de roupa. O traxe xastre de poderío ou os talóns de agulla de poderío son nomes frecuentes que agochan matices no significado do termo poder. Atopamos poder militar ou de autoridade; hai poder ligado ó status ou apreciación da posición social; atopamos mesmo moda de poder como vehículo de resistencia ou protesta; hai poder na imaxinería sexual; hai en fin unha acepción específica da indumentaria no referido ó traxe xastre cando se lle nomea traxe de poderío.
Malia a frecuente utilización do termo poder para subliñar á moda, non se esconde que poucos coñecen o seu verdadeiro significado. Pois se pensamos en poder como forza ou o que é o mesmo, como tensión da física, non atopamos relación algunha da enerxía coa vestimenta salvo que entremos nas apreciacións subxectivas de cada suxeito e cada obxecto. A isto efectivamente se dedica a exposición que incorpora un interese evidente para os que estamos alén da gran mazá por motivos de análise cultural e intelectual.
A coordinadora da mostra, Emma McClendon, organiza o espazo da exhibición en cinco apartados nos que modelos de muller e de home comparten argumentos para desenrolar a tese da exposición. O poder está presente en cada recuncho do noso gardarroupa o caso é atopar a súa formulación.
Como modelos do poder relacionado coa estética militar hai uniformes reais do século XX e hai asemade as libres interpretacións que da cor verde militar e das casacas, dos botóns e dos estampados cargo fan os modistas. Cando ollamos traxes castrenses hai dualidade de acepcións. As dos que miran opresión ou as dos que ollan autoridade ou mesmo aqueles que interpretan orden, sistemática ou mesmo axuda. Todas esas posibilidades se trasladan á moda.
Canto á sección da posición social que outorga a moda atopamos nela a natureza dual do concepto, acreditada ou vulgar. Unha robe à la française de 1760 serve para ilustrar a posición social no antigo réxime, con brocados suntuosos, saias con estrutura ríxida, corpiño, costas Watteau e toda a pompa e circunstancia do estilo imposto polo criterio dos monarcas absolutistas. A posición social era a da sociedade cortesán. Outra forma de percepción do status sería a que se acada coas marcas na sociedade actual de consumismo suntuario e compras hedonistas. Un rapaz novo ou unha rapaza que segan a estética do trap atoparán nos logos, nas marcas, nos grandes emblemas e as cores rechamantes, naquelo considerado vulgar por moitos, o seu símbolo de status. Un gran colar de Chanel con estética de barrio, ouro ó peso e un gran logo con tódalas letras do nome da marca son daquela ese novo status da era do consumo. Non evita iso que para os afeccionados ó minimalismo, á calidade e á discreción, o poder veña representado por prendas de alta calidade, roupas ben feitas e duradeiras e ausencia de evidencia do valor do vestido por vía de logos, emblemas, estampados ou anuncios.
Unha forma de interpretación da moda que se emprega dende a perspectiva de poder e políticas ou fashion&politics é a que cumpre un percorrido de vestirse para a resistencia. Ós antigos vestidos das sufraxistas, ós vestidos dos sans-culottes, dos republicanos ou demócratas, se engaden nas décadas recentes os jeans, as cazadoras de coiro, as kilts, as camisetas e outras prendas con consignas de todo tipo (feministas, anti racistas, naturistas).   
Outra sección da mostra narra a relación da moda fetichista e o corpo. Esa relación de poder entre a faixa e o corpo da muller ou do home que partía de ser un sistema de opresión no antigo réxime para ser un modo de autoafirmación no século XXI cos modelos de Jean-Paul Gaultier. Ademais as correaxes, o coiro, as botas de talón, a roupa interior e outros universos procedentes de Sade, Pasolini, Fassbinder, conforman o poder da moda e os soños do que con ela seduce. 

UN CERTO TRAXE XASTRE
A dialéctica do poder atopa no power suit ou traxe xastre a súa máxima expresión. É o traxe levado para subliñar unha posición laboral ou social, que pode servir para facer unha declaración de principios feministas ou aínda para poñer en escena un sistema de autodefensa. Na historia da moda ós traxes xastre de amplas ombreiras que levaban os executivos homes e mulleres nos anos 1980 son os máis celebrados como power suit. Empregados de grandes corporacións que ratificaban o seu status, o seu poder e a súa independencia ( canto ás executivas) lucindo traxes de refinadas lanas e sedas, con cortes rigorosos e perfecta caída nos que apoiaban o seu individual asalto al poder. Nesa década dos anos 1980 ademais a deseñadora Jil Sander acuñaba o termo power suit para definir uns sobrios traxes xastres que toda aquela muller que tentara de salientar a súa competencia intelectual debía lucir.
Outro importante traxe xastre era o que propuña nos anos 1970 o modista Yves Saint Laurent, que é celebrado como quen de incorporar o traxe xastre no armario feminino. Hai na mostra un traxe xastre branco creado polo modista no ano 1979 que pertenceu á actriz Lauren Bacall.
Noutra acepción do traxe xastre o modisto Thom Browne crea dende hai décadas  as súas coleccións arredor da idea da estética das universidades da Ivy League. Subliñando un traxe xastre infantil, con connotacións deportivas e de campus que non está exento de certa perversión ou poder de pesadelo.
Román Padín Otero   



No hay comentarios:

Publicar un comentario