lunes, 2 de diciembre de 2019

A Amnesia de Clío FV 28.11.2019







A Amnesia de Clío.
O compositor Fernando Buide del Real (Santiago de Compostela, 1980) ven de presentar o seu derradeiro traballo en Galicia. Unha ópera contemporánea, musicalmente ecléctica, con libreto de temática política e feminista, escena de realismo onírico e vestiario camp.  
A amnesia de Clío é unha ópera en tres actos composta polo mestre Buide que conta con libreto de Fernando Epelde e dirección escénica e escenografía de Marta Pazos. A Real Filharmonía de Galicia estivo dirixida por Paul Daniel. O rol feminino principal, Clío, ten sido interpretado pola soprano Raquel Lojendio. A ópera contou asemade co barítono Sebastiá Perís, no rol de George W. Bush e a mezzosoprano Marina Pardo nos papeis duplos de Merkel- Zimmerman. O Orfeón Terra Nosa estivo dirixido por Miro Moreira. O vestiario foi creado por Pier Paolo Alvaro; a coreografía de Rut Balbís estrutura a continuidade entre escenas que aparecen ensartadas coa actuación dos bailaríns Diego Buceta e Fran Martínez.
Trátase dunha produción de Voadora que tivo de contar co apoio dunha panoplia de institucións para poñerse en escena (Consorcio de Santiago, Real Filharmonía de Galicia, Xunta de Galicia, Asociación de Amigos de la Ópera de Santiago). Esta imperativa integración de esforzos evidencia a complexidade e dificultade de representar ópera. E aínda de estrear ópera contemporánea, as cavilacións e tribulacións dun mestre compositor son un drama infinito mesmo wagneriano ou aínda serial!
Presenciamos, en efecto, unha creación de vangarda que integra música, canto, drama, escena e vestiario, nunha proposta artística incardinada no renacemento das formas eruditas apoiadas nos estudos académicos e o tratamento das grandes teimas da cultura.
O título da obra incorpora a forma narrativa e non soamente poética. É un título de irónica transversalidade postmoderna ou mesmo hipermoderna. Clío é a musa que leva como atributos loureiros na testa, instrumentos musicais e un libro de historia, escrito por outro, Tucídides o historiador grego, nas mans. Representa a universalidade e ubicuidade da historia.
A Clío desta ópera confrontase ca paradigma masculina do poder sen deixar de ser inspiradora para o artista. Unha sorte de iconoclasta que aparece trasposta en tódalas mulleres que gobernan. Na súa posmodernidade, compositor e libretista pensaron mesmo en convocar o espírito “jeffkoonsniano” da actriz, musa e política Ilona Staller Cicciolina. Mais iso non puido ser, nembargante a dona que escapa de a cabalo ou a que se aparece asinando tratados, a que executa ou a que se entroniza, aparecen na ópera. Fronte a elas os “homes borrosos”, aqueles heroes da guerra de Irak que un ex presidente George W. Bush en senectude retrata con maníaca reiteración. Velaquí o nodo deste melodrama, logo temos de describir outros recursos intrínsecos na narrativa do espectáculo.
Hai na partitura un estilo neoclásico con formas liberadas dos extremos das vangardas e de certo escoitamos abstraccións pero atendemos sobre maneira a un equilibro entre as formas do arioso e do recitativo ou formas faladas. Hai excelencia nos corais, nas formas orquestrais e hai claridade na dicción o cal é unha peculiaridade da ópera contemporánea. O recurso a versos con textos numéricos ou vocativos non fai se non incidir na simbiose entre texto e música. Mesmo até facernos sentir un certo serialismo musical que por mor doutros efectos nos evoca ó cineasta Peter Greenaway e as súas liaisons musicais con Wim Mertens, Michael Nyman.
A ópera ten escenas íntimas como no Brokeback Mountain de Charles Wuorinen. E ten na alegoría que se acada coa escenografía, os traxes e as coreografías cantantes e bailaríns, un elemento narrativo axial que evoca a outra obra que é da preferencia do compositor, La Conquista de México de W.Rihm.
Quen escribe estas liñas atopa relación de A Amnesia de Clío  coa J.F. K. de David T. Little e ca The Perfect American de Philip Glass, polo emprego de época e protagonistas contemporáneos o tratamento de cuestións políticas, os mitos universais e o hieratismo nas coreografías.
No discurso alegórico da ópera aparecen a pintura de Artemisia Gentileschi cunha visión dun cadro, Susana e os vellos. Tamén se poden ver uns Raptos e Venus de  Tiziano e Tintoreto (se non è vero è ben trovato). Hai unha cita a Edward Hopper na concepción da escena e gravita sempre o espírito da estética Camp explicado de xeito tan clarividente pola filósofa Susan Sontag no seu texto Notes on Camp do ano 1964. Pois hai recursos de simetrías nos bailaríns, de formación militar no coro, de delirantes vestiarios, de emprego da cor vermella e en fin do recurso á estética cowboy e ivy league que son sen dúbida e de marabilla Camp.
A ópera A Amnesia de Clío tivo tres representacións en Santiago, A Coruña e Ourense, ademais dun ensaio xeral con público e vestiario na véspera de Santiago. É unha deliciosa creación musical e unha folie escénica brillante que nos permitiu por catro noites formar parte das sólidas pilastras de cultura de vangarda internacional.
A cuestión de vestir ás musas
Entre os recursos creativos empregados na ópera compre subliñar o do vestiario creado por Pier Paolo Alvaro. Un conxunto de fantasías en miscelánea que acompañan e mesmo reforzan o canto na representación. O estilo do vestiario e realista, a época contemporánea, as culturas europea e americana son as empregadas como localización.
A heroína viste de cor vermella con perruca loura, viste tamén en crepé de gasa de seda nunha bata de azul nube noutra escena, como unha dona moderna de Diane von Fürstenberg. E aparece asemade como bailarina en puntas e tutú cun tocado caprichosamente oriental, ruso ou chinés evocador dos espectáculos de Diaghilev.  Vestida de branco con abrigo longo semella un personaxe de Dinastía ou de Gianni Versace nos anos noventa. É sae pretendéndose espida nunha faixa nude que cita a Jean Paul Gaultier. E aparece envolta nunha serea para asistir a unha puxa de arte noutra escena na que se acompaña do coro vestido en estilo ecléctico pero constantemente sofisticado, con lazos, turbantes, xastres e glamur.
En fin xélida, hierática rubrica a representación entronizada nunha escena final que a envolve en azul Klein. Esa composición derradeira sitúa no centro entre nubes barrocas a Clio cuberta dun manto azul como una fantasía celestial de Thierry Mugler. A cada lado os outros personaxes principais en roupas de estilo mad men e folies de uniforme. O coro asemade vestido unhas veces en xastre outras en uniforme. É como dúas guarnicións dunha cornixa haussmaniana os dous bailaríns espidos arrastrando metros de tecido en papel branco a modo de nubes enmarcando o coral final.
Gesamtkunstwerk do século XXI, colectivo, intelectual, racionalmente creativo.
Román Padín Otero



jueves, 24 de octubre de 2019

Moda Capital. Museo del Traje CIPE, FIT FV 24.10.19





MODA CAPITAL
Non se oculta que a moda vai parella ós momentos sociais que lle toca vestir. Arestora hai dúas exposicións      que desenrolan estas teimas das circunstancias socio culturais ou mesmo as condicionantes económicas e políticas que inflúen na moda.
O Fashion Institute of Technology de Nova York presenta Paris, Capital of Fashion unha mostra dedicada a estudar o efecto da moda a través das épocas na gran capital francesa por medio da análise de dúas centenas de obxectos e traxes.  Parte a mostra  ca visión da cidade no século XVIII co traxe de terno e o traxe à la française de 1755-1760 que se contrapón a un vestido de John Galliano para Christian Dior do outono - inverno do ano 2000-2001. Faise pois unha interpretación daquela época cortesá onde a norma procedía do gusto do monarca e o obxectivo da alta sociedade era triunfar na corte mentres que o desexo do demimonde era seducir nunhas catenarias de amizades perigosas. Aquela capital era cortesá.
Logo houbo unha capital imperial baixo a española de nacemento Eugenia de Montijo quen fora inspiración para o imperio das crinolinas deseñado por Charles Frederick Worth, o primeiro couturier da historia. Aquel sono de opereta durou unha breve parte do século XIX e lixeira se pasou a moda das saias con forma de campá que lucían un diámetro de 250 centímetros! Aquelas saias eran letais pois chegaban as donas a morrer queimadas xunta á lareira polo pouco prácticas que eran. 
No século XX a moda na cidade da luz olla cara ó reinado dos orientalismos de Paul Poiret que se trasladan ese estilo ás festas e á decoración dos estertores da arquitectura modernista. E lle segue a cidade moderna de Coco Chanel que impón o funcionalismo dun certo estilo internacional do tweed do tailleur Chanel e a universalidade do petite robe noire, un traxe para toda ocasión. Esas modas se presentan na exposición cun traxe da casa Chanel feito en París e unha licenza autorizada idéntica confeccionada en América.
O estudo de París como capital da moda remata coa chamada golden age of haute couture, o período de relanzamento do sector da alta costura trala Segunda Guerra Mundial veu renacer antigas casas de costura e festexou o nacemento doutras novas como Christian Dior quen co seu New Look veu definir a natureza de capital mundial de Paris na moda, no luxo e no estilo, dunha nova grandeur xa inventada polo monarca Luís XIV no século XVII.
Outra exposición trata do contexto social e cultural e da moda nos anos 1960 en España, concretamente Boys against Girls no Museo del Traje CIPE de Madrid estuda os efectos da apertura á vangarda da gauche divine catalana dende o ano 1967 cando acaeceu un fito no desenrolo da denominada Tuset Street en Barcelona. Naqueles anos había unha puxante escena de deseño, vangarda, arquitectura, literatura e artes vinculada a unha alta sociedade catalá e unha poboación nova con estilo de vida bohemio. Entre outros persoeiros andaban por alí Miguel Boix, Teresa Gimpera, Colita, Ricardo Bofill, Terenci e Ana María Boix, Manuel Vázquez Montalbán, Jaime Gil de Biedma, Pasqual Maragall, Oriol Bohigas, Eugenio Trias, Félix de Azúa…la gauche divine! Naquel escenario urbano se inaugurou entre boutiques de moda, axencias de publicidade, oficinas de deseño, restaurantes e terrazas, a discoteca Boccaccio que se converteu nun símbolo da época que reflectía a procura de liberdade na época e os aires cosmopolitas e intelectuais que haberían de marcar eses anos en Barcelona. Nesa escena se celebrou un desfile no 1967 que presentou o máis internacional da moda de vangarda da época, dende o estilo mini Mary Quant ate as formas futuristas de Pierre Cardin.
Outro fito na moda dos anos sesenta de blow up dende España aconteceu grazas ó modista Elio Berhanyer. Daquela España baixo o réxime político ditatorial era convidada a participar nas exposicións universais. Na volta da exposición noutra gran capital da moda, Nova York, no ano 1964, se encargou o pavillón a un arquitecto español con forte relación ca moda por mor dos seus deseños de mobiliario e interiores para Loewe, Javier Carvajal era quen deseñaba a arquitectura, e alí se celebraron desfiles de moda contemporánea.
Outras políticas outras modas
No pavillón de España en Nova York no 1964 en se expuxeron obras de arte de numerosos artistas da época, entre outros o galego José María de Labra, Pablo Serrano, Francisco Farreras. Houbo actuación do ballet de Antonio Gades e tamén do cadro flamenco Zambra. Para a ocasión se publicou un plaquette  con textos de Edgar Neville e José Manuel Caballero Bonald.
Mesmo se expuxeron naquel pavillón neoiorquino tres cadros de Pablo Picasso que foran mercados ó galerista Kahnweiler e que están na colección do Museo Nacional Reina Sofía nos nosos días.
Naquel laboratorio cultural como espazo de modernidade que fuxía dun réxime político sen liberdades, se completaba a visión cara ó futuro coa moda. Houbo dous desfiles nos que participou Elio Berhanyer quen presentou as coleccións primavera - verán  do ano 1964 e a colección outono – inverno do ano 1965 con grande suceso de prensa e crítica. Entre as modelos que trunfaban naqueles anos en  Nova York estaba Nati Abascal quen desfilou para o modisto cordobés nos Estados Unidos. Nunha volta cando presentaban as modas en branco e negro de formas rigorosas do modista andaluz fixérono coas dúas irmáns Abascal, Naty e Ana María, xemelas e iguais coma dúas pingas de auga. Desfilaban con tal velocidade as dúas donas que a prensa norteamericana quedou coa teima da “modelo máis rápida do mundo” pois cambiaba de roupa cunha velocidade insospeitada. O misterio era que a modelo non era unha se non dúas irmás morenas, elegantes e modernas como a moda de Elio Berhanyer, a cultura de club do Boccaccio, e as capitais da moda na época París, Nova York, Barcelona, Madrid.
Román Padín Otero            



jueves, 26 de septiembre de 2019

Dos à la mode. FV. 26.9.2019






De Costas á Moda
De cotío nos referimos á moda como un feito global dende perspectivas estéticas, sociolóxicas ou históricas. Hai aínda outros xeitos de estudar o fenómeno dos vestiarios e a súa representación, como é o caso de dúas exposicións, arestora abertas ó público,  que miran á moda con lente de aumento . A moda a traveso dun fotógrafo e a moda dende a costas.
Na sede da Fundación Barrié de A Coruña preséntase a exposición Norman Parkinson: Siempre con Estilo. A mostra fai por medio de oitenta fotografías unha visita retrospectiva á obra dun dos máis notables creadores de imaxes do século XX. Este creador nado no Reino Unido fixo carreira profesional nas máis senlleiras revistas de moda. Publicou con Harper´s Bazaar e con Bystander na década dos anos trinta. Durante a guerra serviu como fotógrafo na Royal Air Force destinado en Francia. Casou tres veces con tres modelos. Na década dos anos corenta e cincuenta publicou con Vogue. E dende o ano 1964 até o seu pasamento traballou como free lance. Recibiu entre outras honras o nomeamento de Commander of the British Empire.
Aínda que dedicou a súa vida profesional na meirande parte á fotografía de moda, non gustaba de ser adxectivado como tal. E cando era preguntado por tres verbas que definiran a súa actividade profesional, da cal se consideraba un artesán e non un artista, non dubidaba en afirmar  que esas eran: not a fashion photographer (non un fotógrafo de moda).
O seu estilo pasou por diferentes momentos ó longo do século, como primeira característica atopamos a de quitar rixidez á fotografía trasladando as sesións do estudio á rúa. Outorgaba movemento e liberdade ás imaxes que concibía, e incorporaba asemade ás súas composicións figuras de costas, perspectivas aéreas e espírito dramatizado.
Grande especializado en fotografía de donas, cando era preguntado polo espírito que o gobernaba co gallo dos retratos femininos, aseveraba que o xeito de retratar a unha muller de xeito idóneo era facelo con dignidade. Era un fascinado das donas altas, delgadas, con rostros e complexión característicos da metade de século. Nunha volta cando retrataba á célebre modelo americana Carmen dell´Orefice, houbo de pedirlle á muller que se metera nunha lagoa dificultosa onde ficaban os flamencos. A modelo fixo a proeza pero antes de tal acometer, espetoulle ó fotógrafo que logo de disparar o retrato íalle “kiss my ass” (bicar o cu). Esa anécdota é un bo exemplo de que a moda, tan estirada e ríxida, tan gobernada polos fotógrafos e os deseñadores, ten de cotío a personaxes que actúan de costas á moda.
Outra exposición Back Side/ Dos à la Mode trata asemade sobre a moda vista por detrás. O Musée de la Mode de La Ville de Paris Palais Galliera presenta esta mostra no seu formato de Hors les Murs. Facendo unha visión exhaustiva das partes de atrás de vestidos e chaquetas, traxes e abrigos. De cotío móstrase a moda centrada no fronte, nas caras de quen porta esa vestimenta. Mais as partes de atrás das vestimentas encerran non poucas xenialidades e marabillas que desta volta se exhiben na mostra combinadas cas esculturas de Antoine Bourdelle, pois é o seu museo o que acolle a selección de vestidos.
Reúnense prendas que abranguen tres séculos dende as costas. Hai casacas e vestidos e mesmo camisas de forza de época. E aparecen sobre todo subliñadas as modas do século XX e XXI. Destaca un traxe de festa de tafetá de Cristóbal Balenciaga asinado no ano 1961-62.  Hai un traxe de Yohji Yamamoto que presenta as costas abertas como se fose un libro aberto de 1996-97. Hai tamén o célebre traxe années 40  con costas de encaixe de Yves Saint Laurent 1970-71, traxes de Thierry Mugler con alas de anxo nas costas, traxe de Martine Sitbon que representa unha diagonal cortada ó biés nas costas.
Tamén hai roupas masculinas e moi notablemente unha grande colección de cazadoras, bombers, chaquetas deportivas e abrigos que teñen as costas decoradas con letras, anagramas, debuxos e outros grafismos típicos da roupa urbana, da Ivy League, do college look e das variacións concibidas por deseñadores de todos o mundo que gustan de decorar as costas. Á veces hai que ir de costas á moda.            
Dorso espido, dorso escrito
As costas definiron a silueta do traxe á francesa robe á la française, onde unha variación dun quimono convertíase en capa incorporada ó traxe dende os ombreiros até os pés. Logo o recolleito no dorso formou un polisón, houbo tamén saias á la polonaise ou á l´inglaise segundo cantas voltas leve ese pequeno fardo colocado no dorso. O dorso cuberto oculta ademais a faixa, cando nos anos 1920 Rita de Acosta Lydig, unha bela dama da alta sociedade neoiorquina do inicio do século vinte, asiste ó Metropolitan Opera House , levando un rigoroso vestido no fronte que nembargante deixa o dorso espido, declarase a morte da faixa. O dorso nos anos corenta ten forma de rectángulo e no New Look de Christian Dior é redondeado. Nos anos setenta empézase a escribir nos dorsos das cazadoras por inspiración da roupa deportiva e nos anos oitenta cos vestidos saco popularízase o dorso espido.
Na mostra de París hai dúas senlleiras pezas de moda española. O vestido touro de Sybilla  do ano 1991, que é unha serea negra co dorso espido e debuxado con fíos que sosteñen un debuxo ingrávido. E unha parka de Zara do ano 2016 da colección de Blanche e Pauline Nouchi que leva escrito no dorso I really don´t care do u (realmente non me importa, a ti?).   
Román Padín Otero  



viernes, 19 de julio de 2019

Contra a interpretación. FV 18.7.19





Contra a interpretación.
Dúas exposicións de moda traen a colación a cuestión filosófica da interpretación na obra de arte. Por medio da relación da moda coa pintura nun caso e a través do vínculo entre a moda e o pensamento doutra banda, téntase de ofrecer á audiencia novas lecturas das manifestacións culturais no século XXI.
A mostra Balenciaga y la pintura española no Museo Thyssen de Madrid, comisariada por Eloy Martínez de la Pera, pon en relación un conxunto de 56 cadros de autores españois cos vestidos de Cristóbal Balenciaga. A proposta curatorial está baseada, daquela, nunha análise da forma da obra de arte baixo unha perspectiva de mímese ou parecido. Onde os ollos do intérprete tentan ver semellanzas estéticas entre cadros e vestidos por cuestións cromáticas e de volumes. 
A cor vermella ten de conectar a un conxunto de vestido e chaqueta creado por Balenciaga, cun retrato de El cardenal don Luís María de Borbón y Villabriga pintado por Goya. A cor azul conecta un vestido de noite con carapuchiña realizado en gazar cun lenzo que representa á Inmaculada Concepción pintado por Murillo. A cor negra conecta un retrato de cabaleiro de efixie de busto pintado por El Greco, cun abrigo de noite de veludo de seda negra cun colo branco rizado. A semiótica de austeridade do negro, identificado coa corte de Felipe II, é frecuente en retratos dos Austrias e imaxínase fonte de inspiración no negro habitual nas modas de Balenciaga. A pureza da cor branca e a solidez dos volumes dos traxes de noiva de Balenciaga atópanse polo hermeneuta inspirados nos cadros de monxes e santas de Zurbarán.  
As flores, os bordados, guipures, encaixes, pedrerías que emprega a casa de Balenciaga para embelecer moitos dos traxes, capas, abrigos e chaquetas, interprétanse na mostra como unha cita ó bodegón español, a Goya e á pintura do século XIX.  O modista mesmo era coleccionista de singulares téxtiles de época e indumentaria. Un vestido de cerimonia e máis un vestido de noiva de chantung de seda bordado en fíos de prata póñense en diálogo cos ricos tecidos dos retratos de Ana de Austria por Sánchez Coello ou no de Isabel de Borbón, esposa de Felipe IV pintado por Rodrigo de Villandrando.
Esta é pois unha mostra de moda onde a forma se argumenta como resultado da inspiración ou mímese procedente do ollar das creacións pictóricas do pasado.               
A exposición Camp notes on Fashion comisariada por Andrew Bolton no The New York Metropolitan Museum of Art, explora as orixes da estética camp. Por medio de máis de 250 obxectos e modas datados dende o século XVII até os nosos día, se fai una análise do significado dunha cuestión estética de fondo. Pois tódolos obxectos e modas son tan heteroxéneos como se poida imaxinar. Mais comparten unha certa exuberancia, humor, ironía, parodia, pastiche, artificio, exaxeración e teatralidade.
Iso é o camp segundo a filósofa e autora norteamericana Susan Sontag quen deu as coordenadas dese concepto estético nun ensaio do ano 1964, que leva por título “Notes on Camp”.
Na mostra hai un estudo da chamada pose camp que é unha sorte de teatralidade extrema no comportamento, nas maneiras, na fala, na decoración ou na vestimenta. E se exhibe asemade a un considerable número de creadores que son camp de xeito manifesto como identidade da súa casa de modas ou teñen feito pezas téxtiles indiscutiblemente camp.
A casa de moda do Schiaparelli cas creacións de Bertrand Guyon abre a mostra cunha capa de flamencos rosa e un tocado ad hoc creado por Stephen Jones .  
O casa italiana Moschino cas creacións de Jeremy Scott é ironía total, o mesmo fai un vestido de bolboretas que un bolso McDonalds ou un traxe de trapecista. Gucci con Alessandro Michele ó frente é indiscutiblemente teatral. Virgil Abloh con Off-White é evidentemente paródico. Thom Browne recrea o Ivy League cunha exaxeración que o fai paródico. Marc Jacobs con estampados coa cara de María Callas crea un artificio camp.
Esta mostra non fai hermenéutica ou interpretación ante o medo que provoca unha obra de arte rotunda (como no caso da de Balenciaga) se non que Camp notes on Fashion, sacando do almacén ese concepto filosófico incita a unha erótica da arte.  
Camp no fondo, pintura na forma.
Palomo Spain o célebre modisto español está presente na mostra Camp notes on Fashion cun conxunto de voda da colección primavera verán de 2018. Un tul recuberto de plumas de galo brancas ciscadas polos extremos e o pescozo fan desta túnica transparente que, deixa ó aire o cu do modelo masculino que a exhibe, unha  peza en verdade teatral, irónica, queer e pastiche.
De certo é que as manifestacións culturais españolas máis populares arestora, son no fondo e na forma Camp. Non soamente temos ó gran modista Palomo Spain na esencia do camp na península ibérica. Pedro Almodovar é todo él camp en estado puro, mesturando cultura manchega e estéticas varias europeas. A cantante Rosalía é camp dun modo global, pastiche, teatral, exaxerado.
Doutra banda teríamos ós creadores do drama como Balenciaga, que ademais estarían máis cerca da alta cultura. Os arquitectos estudio RCR que foron merecedores do premio Pritzker no ano 2017, terían calquera outro atributo menos camp. O director de cine galego Oliver Laxe, recentemente laureado en Cannes, é máis ben neorealista que camp. O gran Adolfo Domínguez, no seu ámbito de la arruga es bella, malia o certo pastiche que ten feito dos deseñadores xaponeses, non é camp, se non esencial, austero, intelectual e purista.
Entre os novos creadores, é intelectual e hipermoderna é a ex alumna de Esdemga premiada en EGO Madrid, Melania Freire. Tamén son vangardistas, inclusivas as gañadoras en BIAAF Bilbao, IK.Studio, Erica Oubiña e Inti Núñez. Eu diría que é camp o estudante de Mestre Mateo, Isaac Castelo Ares, coñecido como Caasi Sera, que visteu a unha das invitadas na voda de Sergio Ramos e Pilar Rubio, futbolista a artista, ámbolos dous camp,camp,camp.
Román Padín Otero         



domingo, 14 de julio de 2019

Señor que borda. Exposición Cuarto Pexigo. SCQ 12 julio opening











Señor que borda.
Román Padín Otero, presenta una nueva exposición de su universo de arte textil y teoría de la moda en la sala de exposiciones Cuarto Pexigo Praza de Abastos. La exposición conforma una continuidad en la construcción de teoría del arte entorno a la transversalidad de técnicas artísticas que plantea Padín desde inicios de los años 2000. En exposiciones en el inicio del siglo XXI, Padín planteaba la joyería como soporte para producir esculturas. Luego planteó las joyas como medio para reciclar y reutilizar materiales, desde botellas de perfume hasta reproducciones etruscas. En otras propuestas planteó las exposiciones de moda como ejercicio intelectual y de estudio material del objeto. Creó diseños de ropa empleando el repostero como técnica para confeccionar estampados con lana y  lino. Ha expuesto dibujos, gráficos, cuadros que recrean representaciones de la moda, sus caras y relaciones con otros discursos culturales. Abundando en cuestiones como la apariencia e identidad, la moda y la indumentaria, la alta cultura y el pop.
Lleva veinte años publicando periódicamente en prensa generalista y especializada sobre arte contemporáneo y dentro de este sobre la moda y sus extremos. Ha tratado temas como las exposiciones en museos, biografías de creadores, estilos de modistas que determinan una época, hasta cuestiones filosóficas sobre mercado de moda, consumo, antropología y sociología. Habiendo defendido una tesis doctoral en arte contemporáneo sobre Moda y Museos, ha dictado numerosas conferencias sobre estetización del mundo; moda gallega; moda y exposiciones. Temas sobre los que es autor de numerosos textos.
Ahora presenta una exposición de una docena de piezas textiles de algodón que han sido bordadas por él mismo recreando dibujos de su autoría. Son una evolución del soporte para dibujar o diseñar, partiendo desde el papel y el lápiz hasta el corte de tela, la aguja y el hilo. Es una propuesta que incide en la no existencia de fronteras de técnicas en el arte del siglo XXI. Son un grupo de creaciones que reivindican un arte transversal, ajeno a la atribución de funciones artesanales (hombres pican piedra, mujeres tejen tapices) y coloca al observador en una inquietante posición de valorar los utilitarios objetos realizados en textil, no como piezas de artes aplicadas para ser usados, sino además como obras de arte para la delectación.
Señor que borda arte textil de Román Padín. Sala Cuarto Pexigo Praza de Abastos C3C4 Santiago de Compostela. Desde el 12 de julio a las 20.00horas.



viernes, 5 de julio de 2019

Galicia un século de creación. 1919-2019







Alborada da moda en Galicia. Galicia Moda I
A modo de introdución compre resumir as liñas que seguen adiantando que tratan do desenrolo da moda en Galicia ó longo das dúas derradeiras décadas do século XX. O posmodernismo, corrente filosófica representativa da época,  levou implícito trocos caracterizados pola liberdade formal e un evidente eclecticismo. Eses cambios aconteceron non soamente na arquitectura, onde o posmoderno ten máis sona. Tamén gañou espazo a liberdade posmoderna na pintura, na música, nos comportamentos sociais e nas demandas políticas, e como non na moda.
A que fora até ese momento a menos avaliada das formas creativas, a moda, tomou relevancia significativa no final do século XX, até converterse nunha forma cultural axial con grande transcendencia estética e económica. Eses cambios aconteceron en todo o mundo, e tamén como non, en Galicia, onde o sector téxtil transformouse en sector da moda. Procurando grande desenrolo económico, estético, cultural e dándolle apoio á idea de imaxe/pais que viña impregnada dun certo atlantismo e dunha nova onda ou new wave.     
As dúas derradeiras décadas do século XX houberon de traer a implantación do deseño e a moda en todo o mundo. Nese tempo, chamado imperio do efémero polo filósofo francés Gilles Lipovetsky, a estética, o deseño, a moda, o mercado teñen unha presenza indiscutida na nosa vida cotiá facendo que todo o que nos rodea sexa deseñado e que as tendencias no vestir e as modas teñan unha presenza constante e unha importancia sobresaliente.
Esa posmodernidade desenrola un xogo de miscelánea, alteración de valores, transversalidade,  mesmo mestura  nos ámbitos estéticos, sociais e aínda ideolóxicos ou políticos, que atopa no ámbito da moda e o deseño varios senlleiros fitos. Atopamos situacións de referencia no ámbito internacional da moda e a cultura, e tamén en España e Galicia. Fagamos un repaso delas desde a escena internacional até o acontecido en Galicia.  
Moi transcendente para o deseño, foi a creación en Italia do Gruppo Memphis no ano 1980, pois os seus mobles subvertían a tradición de forma seguindo a función para implantar a forma por enriba de todo.  Ettore Sottsass, con ese grupo,  abriu unha fiestra á creatividade sen cancelas e a soportes, non apreciados sen fisuras con anterioridade, como a moda, posibilitando o emprego de materiais previamente rexeitados; procurando novas proporcións nos deseños; ampliando a paleta de cores e usos.   
Outro fito foi a aparición dun bustier do deseñador de moda Issey Miyake na portada da revista ArtForum no ano 1982  constituíndo un  momento axial no longo camiño cara ó prestixio da moda en relación coa cultura. A moda aparece daquela considerada como peza cultural no ámbito artístico, servindo como exemplo da hibridación típica deses tempos. Ese fito abriu camiño para o acceso da moda dos nosos días ó museo, ás galerías de arte, ás universidades e ós estudos científicos.
Outro importante momento da intertextualidade nas artes foi a Biennale di Firenze comisariada por Germano Celant no ano 1996 baixo o leitmotiv de arte e moda. Daquela os modistas Gianni Versace, Miuccia Prada, Azzedine Alaïa, entre outros, expúñanse conxuntamente cos artistas plásticos  Roy Lichtenstein, Damien Hirst, Julian Schnabel, por subliñar uns poucos, nunhas combinacións de arquitecturas renacentistas e contemporáneas da man de Arata Isozaki, para celebrar a fusión das linguaxes artísticas.
         Notable foi en España la movida, un movemento contracultural que serve de leitmotiv das formas creativas das dúas derradeiras décadas do século XX.  Música, artes plásticas, ocio, publicacións, programas de radio e televisión, reflicten unha transformación posmoderna na sociedade. Unha idade de ouro das artes ou  La Edad de Oro chamada así como o programa televisivo homónimo dirixido por Paloma Chamorro, que premiaba toda novidade e calquera creación.  Esa movida tivo varias capitais, Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Málaga e Vigo. Froito dese ambiente xorden múltiples intervencións creativas e proxectos varios, entre outras convocatorias con idiosincrasia na época atopamos a da arte coa creación da feira Arco, e a da moda, coa aparición de revistas e suplementos nos xornais dedicados ó deseño, á moda e á arquitectura. Asemade se crea a Pasarela Cibeles que serve de escaparate e apoio ó sector da moda que daquela conta cun Centro de Promoción de Diseño y Moda dependente do Ministerio de Industria y Energía.   
Galicia inaugura esas dúas décadas finais do século cunha consulta política, a da votación do estatuto de autonomía do ano 1981, baixo o slogan de anque chova vota. Recollendo o espírito de cambio dos tempos, as novidades políticas acompañáronse de cambios económicos, socias, e artísticos. E no caso concreto das artes e a moda, ese troco tivo no movemento Atlántica un exemplo claro dos novos aires que circulaban e o grupo Galicia Moda foi significativo da notoriedade do téxtil convertido en moda dende aqueles momentos.
Esa Galicia que pode ser referida nun alarde nominalista, como do movemento de arte Atlántica, da Galicia Moda ou de la arruga es bella, respondía a un feito común, o da apertura da escena cultural, estética, social e política cara a un novo escenario iconoclasta no final do século XX
O antigo sector do téxtil que estaba formado por modistas, xastres, pequenos grandes almacéns como Simeón, Olmedo, Cividanes, troca cara empresas de deseño.  Os fabricantes monoproduto como Regojo, coas súas célebras camisas Dalí, ou Confecciones Goa, se foron transformando cara a o sistema da moda.
De contado apareceu Adolfo Domínguez, e o célebre slogan la arruga es bella, unha frase publicitaria que conmocionou á época. O deseñador é un notable persoeiro nos medios de comunicación dende entón, e xa naqueles anos aparecía dando explicacións sobre a Bauhaus no programa de José Luís Balbín La Clave, en presenza do mesmo Monsieur Courrèges. O empresario ourensán deseñou facendo unha aliteración de inspiración xaponesa, partindo daqueles iniciáticos deseñadores iconoclastas que foron Issey Miyake, Rei Kawakubo, Yohji Yamamoto, que deixaron coa boca aberta a tódalas pasarelas de París.  Pois Adolfo Domínguez cortou traxes e camisas, teceu xerseis e fundiu xoias, coseu zapatos e estampou vestidos, ca simpleza dunha forma de T na estrutura dun kimono. Un estilo tan sinxelo que se lle pode chamar como en Xapón, wabi, ou sen decoración. E canto as cores afondou nos grises, terra, pedra, area, nube, nunha cita ás cores da pintura monocroma xaponesa, as cores sumi-e.  A frase la arruga es bella, representa sen dúbida unha puxa no eido da antiga batalla do algodón e o liño, en defensa da galeguidade da arroga e o liño.
O sr. Luís Carballo colabora entón co Sr. Domínguez e tamén é o impulsor do grupo Galicia Moda. Un proxecto que formaba parte do Programa para el desarrollo del Sector textil en Galicia apoiado pola Xunta de Galicia. Os ámbitos do grupo abarcaban entre outras relevantes actividades a da publicación da revista homónima e a organización de actos de promoción e publicidade, entre outros a convocatoria da pasarela Luada, Luar que tivo brillantes veladas no Teatro García Barbón de Vigo, e tamén en París. Co gallo do desfile se reunía o sector, a distribución, a prensa, a clase política e a sociedade.
A presentación do primeiro número da revista Galicia Moda, un importante vehículo de publicidade para o sector da que se editaron 18 números entre o número 0 de 1983 e o final en 1992,  aconteceu o 20 de xaneiro de 1984 no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela.  En verbas do director da revista Luís Carballo, a publicación nacía cunha vocación de “dar a conocer universalmente la imagen de nuestra moda, la de nuestra cultura, nuestro arte, nuestros políticos, intelectuales o de nuestro turismo, por que lo que a ellos les falta es imagen.” 1
Igual que en Bélxica aparece un novo grupo de deseño e industria cos chamados 6 de Amberes, que eran:  Bikkembergs, Demeulemeester, Van Beirendonck, Dries van Noten, Van Saene, Marina Yee; igual que en Italia se axita o prêt-à-porter de luxo con Armani, Ferré, Valentino, Versace; daquela en Estados Unidos apuran os corpos sport vestidos ou en roupa interior con deseños de Calvin Klein, Ralph Lauren, Perry Ellis; de igual xeito en Francia os deseñadores máis vangardistas como Thierry Mugler, Azzedine Alaïa, Claude Montana, Jean Paul Gaultier, triúnfan ó captar o espírito dos tempos, o zeitgeist. Galicia segue os tempos e crea marca/país co grupo Galicia Moda e co impulso de outras moitas empresas de moda que evolucionan de xeito individual. 
Todo cambia nos derradeiros anos do século XX. Tal e como explica a decana da Facultade de Belas Artes,  Silvia García: “…un período que resultou fundamental para o desenvolvemento do sector (téxtil e da moda) en Galicia que afectou de forma decisiva a outros ámbitos sociais e culturais…a estrutura das fábricas téxtiles e dos pequenos obradoiros familiares deu paso á industria da moda…que xurdiu na procura do intanxible: o deseño como valor engadido… Xa a comezos dos 80, Adolfo Domínguez apostara pola imaxe de marca reforzada polo lema: la arruga es bella”.2         
En Galicia se promove un sector de deseño de moda con vocación innovadora e internacional. Pertencentes a Galicia Moda foron entre outros Caramelo, Unicén, Florentino, D´Aquino, Pressman, Vesgante, Cortemans. Empresas esencialmente centradas na moda masculina e deseño contemporáneo.  Mais o sector conta asemade con empresas de punto, moda feminina, xoias, roupa infantil. Entre outros cabe mencionar a Roberto Verino, Luís Fortes, María Moreira, Estrella G., Chicha Solla, Teresa Ramallal, Kina Fernández, Antonio Pernas, Olga Ríos, Purificación García, Viriato, Jealfer…hai máis na lista, e sen dúbida todos eles personifican un novo xeito de facer empresa. Ó incorporar cambios de  estilo, silueta e aspecto, tanto nas modas que producen como nas estruturas industrias e comerciais das súas empresas.
Como anecdotario non exento de transcendencia compre mencionar que co gallo da presentación do segundo número da revista Galicia Moda o 13 de xullo  de 1984, desta volta no Centro Cultural del Conde Duque en Madrid, o premio Novel Camilo José Cela, expresaba a súa satisfacción ó afirmar “me alegra colaborar en el lanzamiento del primer producto no tercermundista que ofrecemos los gallegos.” 3
Os deseñadores e industriais protagonistas desa gran incorporación no sistema da moda, non actuaban solos. Se non que compartían o espírito dos tempos con outros ámbitos da escena cultural. En Italia estaba a Transvanguardia de Achile Bonito Oliva, con artistas como Enzo Cucchi, Anselmo Clemente, Sandro Chia.  En Francia contaban co ministro de cultura Jack Lang quen apoiou a lectura e a moda. En España estaba a movida e Moda de España, con creadores como Ouka Lele, Miquel Barceló; modistas como Sybilla,  Jesús del Pozo; deseñadores e arquitectos como Mariscal e Rafael Moneo.
En Galicia traballaban arquitectos como César Portela, Pascuala Campos, Iago Seara. Estaba tamén o Grupo Atlántica, con senlleiros artistas como Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Correa Corredoira, entre outros, quen constituían un conxunto fluído de artistas de nova expresión.  E tamén estaba a música de Siniestro Total compoñendo o himno postpunk de Miña Terra Galega e a  Galicia Caníbal (fai un sol de carallo) de Antón Reixa e Os Resentidos.
Golpes Baixos apuraban o sintetizador na Fiesta de los Maniquíes e a revista Tintimán era o singular fanzine integrador da oficialidade e o underground creado polo perruqueiro Javier Moreda.  Aparecían galerías de arte como Trinta en Santiago de Compostela. E María Falagan creaba as galerías Labris en A Coruña e Ad Hoc en Vigo, onde a troula era un arte en clubs como o Ruralex, El Manco de Lepanto, Vanitas Vanitatis e Kremlin, onde se podían ver as modas máis arriscadas.  
En Galicia, se incorporan á escena cultural asemade as primeiras salas de exposicións, auditorios e orquestras sinfónicas.  Auditorio de Galicia abre no 1989 e logo haberían de seguir, o Centro Galego de Arte Contemporánea , Centro Torrente Ballester  no ano 1993. Museo de Belas Artes da Coruña,  MARCO de Vigo xa no século XXI, e logo os espazos creados polas universidades galegas. A Orquestra Sinfónica de Galicia empeza no 1992 e a Real Filharmonía de Galicia se crea en 1996. Aparece o primeiro xornal en galego O Correo Galego logo Galicia Hoxe. E ó premio Novel de literatura Camilo José Cela dedícaselle unha fundación en Iria Flavia, Padrón. Galicia estaba de estrea!
A moda, foi dende entón pois, unha manifestación a engadir a outras moitas formas creativas de troco, cambio, progreso, evolución, melloramento. Algúns deses relevantes creadores doutros ámbitos, como Gonzálo Torrente Ballester, Camilo José Cela, Enríque Macías, apareceron na revista Galicia Moda, a moda miraba ós outros nun espello.
Os tempos levaron a aquel deseño de nicho, empresas de deseñador moi singular, ás veces semellantes a un taller de costura ou xastre con estruturas un pouco mais complexas, cara ós grandes grupos e corporacións. En Francia,  a corporación Louis Vuitton Möet Hennessy, merca e reinventa Christian Dior; o grupo de empresas Printemps Pinault Redoute merca e renova  Yves Saint Laurent.  En Italia, Estados Unidos, os grandes grupos comezan a controlan a escena nos anos finais do século XX.  E en Galicia aqueles pequenos proxectos de deseño case que artesanal transfórmanse  nuns casos en historias finitas, e noutros en sólidos negocios de confección como Roberto Verino e Florentino.  
Os máis subliñados daqueles grupos progresan cara á natureza multinacional e de cotización bursátil, tal é a situación de Adolfo Domínguez quen sae a Bolsa no 18 de marzo de 1997, converténdose na primeira empresa de moda española cotizada. Logo Inditex comezaría a cotizar no 23 de maio de 2001. E nesa marmita fervendo aparece outro senlleiro grupo,a Sociedade Textil Lonia no 1998 concibida pola familia Domínguez que será coñecida polas marcas Purificación García, Carolina Herrera. E aínda  con outra persoa xurídica a familia haberá de crear a célebre Bimba y Lola xa avanzado o século XXI.
Esa década final do século foi de expectativas ilimitadas cun mundo en troco e a transversalidade do deseño. Galicia ten o seu papel nese gran teatro do mundo da estética e a industria. Os persoeiros van trocando de papel pero cada volta son máis sólidos. O século XXI prevé moitas novidades que levan toda a herdanza dun posmodern galician style cheo de soños, carácter e realidades.
Román Padín Otero          


Bibliografía e citas:
Galicia Moda,revista.Editor Luís Carballo, Ourense, años, 1984-1992.

Lipovetsky, Gilles. El imperio de lo efímero. La moda y su destino en las sociedades modernas. Editorial Anagrama, Barcelona, 2007.                                                                                  

VVAA. Os 80. Moda en Galicia Singularidades. Concello de Pontevedra, 2009.

1 El número uno de la revista “Galicia Moda” se presentará el viernes en Santiago. La Voz de Galicia, A Coruña, 18 de xaneiro de 1984, p.19.
2 Silvia García González. “O tempo reconstruído. A exposición “Os 80 moda en Galicia. Singularidades”. VVAA. Os 80. Moda en Galicia Singularidades. Concello de Pontevedra, 2009. P. 9-11.
3 Galicia Moda foi presentada en Madrid, aínda que con notables ausencias. La Región, Ourense, 14 de xullo de 1984, p. 15.


XXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXXX


A Moda en Galicia. Século XXI aproximacións.
O fenómeno de masas que é a moda no século XXI ten unha presenza asemade destacada na Galiza. Na sociedade galega, na industria, no comercio, no ámbito creativo e no eido académico do país galego a realidade nomeada polo filósofo Gilles Lipovetsky (2013) como O capitalismo estético rende conta da súa existencia no contexto da Galiza de igual xeito que acontece no resto de Europa e do mundo. Atopamos un “peso que acadan os mercados da sensibilidade e do proceso do deseño, un traballo sistemático de estilización dos bens e dos lugares mercantís, unha integración xeneralizada da arte, do look e da atracción cara a un universo de consumo.”1
Esta innovadora forma de manifestación cultural que é a moda ten dous cabos, o das grandes corporacións téxtiles e o dos deseñadores de nicho. Entre eles atopamos creadores e empresas de rango medio que responden a criterios diversos como a diferenciación, o estilo, a cercanía…na Galiza temos bos exemplos de todos eses axentes, nestas liñas os describimos. E tratamos tamén outros axentes axiais como son a academia e o museo, as exposicións e as universidades.
Se ben é certo que a notoriedade acadada pola moda no mundo e en Galiza é sobresaliente no século XXI, xa hai cen anos había creadores galegos que formaban parte do sistema da moda. O artista e ilustrador vigués Federico Ribas Montenegro (1890-1952) colaborador da firma de cosméticos Gal e de xornais como ABC, La Esfera,Faro de Vigo, destacou cun estilo de ilustración cheo de glamur, elegancia e estilo á la mode!. Un discurso semiótico de fantasía e zeitgeist que segue a existir na moda dos nosos días e que comprende moi ben, por exemplo, a galega formada en Mestre Mateo de Santiago, Alba Melendo. Ela como estilista e xornalista de moda ten publicado os seus traballos en Garage Magazine, Vogue Portugal, Odda Magazine entre outros medios de comunicación.
Os ilustradores, fotógrafos, estilistas son quen de levar o discurso da moda dende o deseñador e a industria até o consumidor e o mercado. Un sistema de moda que nos nosos días, tamén na Galiza, se enfronta a grandes retos tal e como argumenta a comisaria e analista de tendencias Li Edelkoort (2016) no seu Anti Fashion Manifesto. Son novas paradigmas   derivadas das necesidades e inquedanzas sociais como a calidade da formación nas universidades e escolas de arte, a importancia do deseño e do oficio e non do produto masivo ou a granel, a ecoloxía e a calidade dos materiais, os dereitos humanos a igualdade entre homes e mulleres e a ausencia de xénero na creación…todos estes retos son cuestións consideradas pola moda a nivel global ou mundial e como non podía ser de outro modo tamén na Galiza. Pois as empresas arestora actúan no eido global dende o local ou teñen estruturas internacionais de seu.
Outra consideración relevante da moda nos nosos días é a da súa percepción como manifestación cultural, creación artística ou en calquera caso como ben susceptible de ser exposto en salas de galerías e museos de arte, moda, cultura e antropoloxía. Un fito neste avance na avaliación da moda foi a exposición dedicada ó modisto Giorgio Armani no Guggenheim Museum de Nova York no ano 2000. A totalidade do museo se ocupaba coa creación de Armani ambientada nunha escenografía de Robert Wilson e cun comisariado de Germano Celant e Harold Koda. Esa exposición viaxou logo a Bilbao ó Museo Guggenheim desa cidade. Para algúns foi unha intrusión do comercio no templo da arte. Moitos criticaron o emprego inadecuado de fondos privados para financiar a cultura pública. Unha maioría apreciou a mostra como un símbolo do troco dos tempos e unha declaración de principios do recoñecemento dunha nova expresión cultural no eido das artes e o estudo dos obxectos.   
Hai outras exposicións notables de moda en España e na Galiza ó longo deste século XXI. A mostra Tras el Espejo celebrada no 2003 no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, recollía un monumental vademecum da moda española e viaxou no 2004 a Santiago de Compostela nun acontecemento extraordinario. Pois tivo unha sede tripla, na sé da Fundación Caixa Galicia e na Fundación Torrente Ballester na Rúa do Vilar. E na sé da Fundación Granell no Praza do Toural.
Os modistas galegos tamén haberán de ser suxeitos de mostras alén das fronteiras da Galiza e a exposición Roberto Verino 25 Años de Moda foi acollida polo Museo del Traje CIPE de Madrid.
E compre dicir que esas mostras son de grande interese para a audiencia pois no ano 2008 a sé da Fundación Caixa Galicia na Coruña acolleu a exposición Yves Saint Laurent diálogos con el Arte, na que se puñan en relación obras da colección da institución coa creación de alta costura do modista francés. A mostra recibiu máis de 55.000 visitas en dous meses, unha afluencia que supera a de calquera outro tipo de exposicións e sitúa ás exposicións de moda a nivel internacional en eventos tan populares como as mostras dedicadas ós pintores impresionistas franceses, Tutankamón ou La Gioconda (que son as mostras máis visitadas por exemplo no MET de Nova York, seguidas e case que superadas por mostras como China Through de Looking Glass -inspiracións de China nas modas occidentais-, Alexander McQueen Savage Beauty, Heavenly Bodies –a inspiración na relixión católica da moda-.
     A Universidade de Vigo na Facultade de Belas Artes de Pontevedra desenrola unha salientable actividade no ámbito da moda través da ESDEMGA, Escola de Moda de Galicia. Diversos grupos de investigación e o traballo de Lola Dopico, Silvia García, os estudantes e o equipo docente, son quen de poñer en práctica múltiples proxectos académicos e expositivos. Entre outras mostras xurdidas do ámbito da Facultade de Belas Artes pódese mencionar Os oitenta Moda en Galicia.Singularidades celebrada no Pazo da Cultura de Pontevedra no 2010. E asemade no 2013 a mostra Hacer, Diseñar, Pensar. Piezas, experimentos y caminos del Diseño. Celebrada no Museo Nacional de Artes Decorativas e que expuña o traballo de 17 creadores galegos do ámbito da ESDEMGA.
En fin cando no 2016 a Cidade da Cultura programou a mostra antropolóxica Con-fío en Galicia, dedicada nunha notable parte á indumentaria, traxe de escena, traxes rexionais e téxtil. Houbo asemade unha destacable presenza da moda. Expoñendo os traballos dos estudantes da ESDEMGA, tamén do Mestre Mateo de Santiago de Compostela, e como non da excelente industria da moda galega dos anos 1980, 1990 e século XXI, con creadores de grandes empresas como Adolfo Domínguez, Inditex, Grupo Lonia. Deseñadores de nicho como D-Due, Knitbrary. E industriais como Viriato, Jealfer.  
A moda no século XXI é daquela un ámbito enfrontado a notables retos. Bicéfala ( pois se localiza tanto no espazo mercantil e industrial, como no da arte e o deseño). Heteroxénea nos seus axentes pois conta con grandes corporacións e pequenos creadores. E forma parte dende logo da dualidade existencial do mundo cibernético deste século con e-commerce xunto ó comercio físico. Un dato de referencia é que no comercio global de téxtil un 21% corresponde a vendas on line. E no caso de España esa cifra debe acompañarse coa participación no PIB que é do 3% e co emprego que xera o sector que é un 5%.       
Un grande cambio acontecido na industria, no comercio e no deseño  co gallo do troco de século foi o da incorporación de xeito dominante ós mercados e ó sistema financeiro das corporacións multimarca e transnacionais adscritas ós eidos do téxtil e da moda. En Galiza aconteceu de xeito semellante e no 18 de marzo de 1997 o empresario Adolfo Domínguez sae a bolsa, converténdose no primeiro deseñador en cotizar na Bolsa de Madrid. Esa aposta económica habería de propulsar outros proxectos empresariais no seo da familia Domíguez. Pois unha facción da familia  habería de constituír ese mesmo ano 2017 o importante grupo Textil Lonia que haberá de desenrolar as marcas Purificación García e Carolina Herrera, alcanzando con ámbolos dous nomes comerciais importantes cifras de negocio, até convertelos nunha das principais corporacións de moda made in Spain.
Aínda outra parte da familia constituirá no ano 2005 a célebre marca con tendas propias Bimba y Lola, especializada na moda feminina, nos accesorios e marroquinería.                 
O grande grupo de moda do mundo, Inditex, crea dende a Galiza unha das apostas máis vangardistas dende o punto de vista de estratexia de negocio, branding, distribución e imaxe global. O grupo de empresas sae a bolsa no 23 de maio de 2001. E continúa con esa acción de financiamento a apertura da compañía nunha imparable progresión de vendas e estilo no vestir que alcanza, en tódalas opinións, a excelencia empresarial. Tanto o grupo Inditex, como Adolfo Domínguez e as restantes compañías de moda en Galiza e no mundo, están arestora a enfocar as súas estratexias baixo o sortilexio dos novos tempos, incidindo de forma absoluta nos produtos ecolóxicos. Argumentado nas súas campañas de publicidade, nas páxinas web e nos sistemas de produción os produtos sustentables, a trazabilidade do produto, a circularización e a ética. Pois esas son as teimas que máis considera a sociedade e asemade teñen de ser a bandeira dos industriais e deseñadores para acadar o suceso.
Como se adiantou en liñas previas, non soamente hai no mundo, e tampouco en Galiza grandes corporacións de moda. Hai asemade un importante número de deseñadores individuais ou pertencentes a pequenas empresas que teñen un atractivo pulo creativo e indiscutible presenza no mercado. Hai asemade unha realidade que é a da procedencia das Escolas de Arte deses deseñadores de nicho, e mesmo dos deseñadores novos empregados en grandes corporacións.
De feito tódolos grandes modistas e deseñadores das últimas décadas proceden de escolas de Arte.  John Galliano procede de Saint Martins, Tom Ford procede de Parsons, Martin Margiela procede da Real Academia de Arte de Amberes. E no caso dos galegos moitos deles se forman alén as fronteiras galegas e outros tantos estudan arte e moda nas institucións creadas en Galiza. Dende o curso 2004-2005 a Universidade de Vigo ofrece estudos de moda e arte na ESDEMGA e dende o ano 2018 un Máster en Moda. Dende 2010 o EASD Mestre Mateo amplía a súa oferta de estudos de moda os facer máis doados cos tempos actuais. Hai arestora no Campus de Ferrol da Universidade da Coruña formación en Moda e Industrias Téxtiles.
Todos estes novos talentos que xorden da academia son de feito os axentes esenciais da moda. Pois nun mercado saturado a creatividade que procura a diferenciación de produto, xunto á creatividade que debulla novos procesos industriais e de comercialización son elementos axiais para a excelencia empresarial. Non soamente están a ser esenciais as prácticas disruptivas se non que o a escena socio cultural e os mercados exhalan unha tendencia á mestura de hedonismo, arte, industria e produto. Eses deseñadores artistas son moi importantes, son a canteira.        
 Nunha entrevista concedida a Art Radar o filántropo e activista da arte Han Nefkens (2015)3 describe o tipo de arte/deseño que caracteriza a novidade na escena do século XXI:

“Empecei a me interesar pola moda cando me din conta de que podía ser algo máis que roupa. Cando me din conta de que algúns deseñadores podían transmitir unha idea ou unha historia a través dos seus deseños, tal e como os artistas fan. Iso é polo que estou interesado na moda que está no borde entre arte e moda. Moda que conta unha historia”.

E explica Han Nefkens tamén o tipo de artista/deseñador que desenrola ese arte/deseño:
Eu coido (que a característica que diferenza a un artista/deseñador dun deseñador de moda) é unha combinación de curiosidade, investigación e imaxinación. Necesitan a curiosidade para ir máis alá de onde están. Necesitan ter o desexo de contar unha historia e o desexo de investigar. Algúns investigan un aspecto social, outros investigan un material: si é sostible, si foi usado con anterioridade no pasado, e máis. O que todos teñen é unha motivación para ir máis lonxe, para facer preguntas, para explorar e logo crear”.

         Como queira que son as persoas as que fan bulir os negocios compre relacionar algúns destacados axentes do mundo da moda, arte, creatividade que traballan en Galiza, son galegos ou se teñen formado en terras galegas. Pablo Pérez Sanmartín é un licenciado en Belas Artes Pontevedra nado en Vilagarcía de Arousa que desenvolve unha sobresaliente actividade artística dende hai unha década. No ámbito de creador plástico, deseño asistido ou dj ten unha pegada que recolle o espírito dos tempos, respirando xuventude. Tamén é deseñador no primeiro grupo téxtil, onde crea grafismos e coleccións que malia pertencer a unha gran marca de gran consumo manteñen a identidade o seu autor.
O deseñador Javier Nogueira graduouse en ESDEMGA e traballa como creativo deseñando complementos e accesorios nunha das máis importantes empresas do sector en Galiza dedicada ó mercado feminino. Outros creadores saídos de Esdemga que se poden mencionar e que camiñan entre a arte e a moda, son Sheila Pazos quen ven de participar no showroom de Ego na Mercedes Benz Madrid Fashion Week, coa súa propia marca e que conta entre o seu currículo con formación académica universitaria en arte e moda, prácticas en Viktor&Rolf, participación en múltiples exposicións e proxectos. Tamén Melania Freire graduada en ESDEMGA estivo na pasarela de Madrid e resultou gañadora na edición 2019 de febreiro do concurso do EGO na MBMFW.
Tamén procedentes de ESDEMGA son Eva Soto Conde que desenrola unha brillante actividade e ven de realizar unha colaboración co fotógrafo Eugenio Recuenco no monumental proxecto 365, unha grandiosa colección de fotografías que abrangue un ano de vivencias no mundo. Isabel Mastache, tamén procedente da escola é a única galega que ten participado no Festival International de Mode et Photographie á Hyères no sur de Francia, ademais desenrola unha  actividade profesional con suceso na gran industria de moda.
No ámbito máis experimental e tecnolóxico da moda atopamos á creadora formada en Pontevedra María Castellanos quen traballa xunto a Alberto Valverde. Na súa propia expresión vénse máis próximos a crear artefactos para poñerse que a facer moda. Máis actividades creativas como as deles tanto no ámbito das pasarelas, como no internet ou nos museos son as que alimentan a progresión e o futuro do sector. Pois os seus descubrimentos serven para a evolución de materiais, formas, prendas, calzado, procesos e empregos.    
Procedentes de Mestre Mateo podemos mencionar á xa citada no inicio deste artigo Alba Melendo que desenrola unha actividade internacional de estilista de moda. E Marcos Batuecas quen desenrola unha magnífica carreira en Londres, sendo neste 2019 o client development manager for Ermenegildo Zegna.      
 Entre as empresas cun proxecto máis persoal compre mencionar ás seguintes. A empresa da Coruña Knitbrary fai prendas de punto de alta calidade. Un deseño sinxelo, materiais selectos, viaxando ó redor do mundo para coller os mellores materiais, con tecido artesanal, e creando deseños duradeiros e atemporais.
Sansoeurs e MyBarrio, son tamén dúas empresas con estilo slowfashion xurdidas da experiencia do coñecemento do sector do fastfashion por parte dos seus creadores. Logo de saber cómo funciona a parte máis competitiva do comercio da moda, estes creadores decidiron crean unha compañía de xoiería moi sinxela e bonita e unha tenda-estudo de life style con moitas cousas para o cada día. Deseños simples, bonitos e útiles.
Outras empresas de pequeno tamaño e altas doses de creatividade, estilo sinxelo e slowfashion son Masscob, que crean unha preciosa liña de roupa feminina. E a firma D-Due quen non soamente son os axentes provocadores na creatividade da escola ESDEMGA se non que tamén dende hai décadas manteñen unha fábrica onde producen as súas coleccións que arestora están a vender no mercado Xaponés e no prestixioso Dover Street Market. 
        É un amplo sector o da moda que atopamos de xeito interesante ligado a varios campos culturais. Industria, cultura, arte, tecnoloxía, academia, finanzas, museos, tendas, aparecen baixo unha sistemática común, nun xogo de esferas onde o obxectivo é a creación da imaxe e identidade dunha época. Compre non esquecer que no século XXI as tendas máis vangardistas comercializan ós creadores máis rompedores que expoñen nos museos máis intrépidos en espazos que son a todas luces semellantes. A cultura da moda está ciscada polo mundo e todos, mesmo sen sabelo, usamos dela.
Román Padín Otero  


1.       Lipovetsky, G., Serroy, J. (2013). L´esthétisation du monde. Vivre à l´âge du capitalisme artiste.París. Galimard. Pág.,12.

2.       Edelkoort, Li. 2016. Anti-Fashion. The Business of Fashio. Recuperado o 14 de marzo de 2019 ás 13:00 horas de: https://www.youtube.com/watch?v=LV3djdXfimI


3.       H+F in the media. From art to Fashion: A Collector´s Story. Art Radar (10/1/2015). Recuperado o 13 de marzo de 2019 ás 10:00 horas de: http://www.hfcollection.org/from-art-to-fashion-a-collector%E2%80%99s-story/