jueves, 28 de septiembre de 2017

MANUEL PERTEGAZ FV 28.9.2017







Manuel Pertegaz
A Sala Canal de Isabel II da Comunidade de Madrid dedica entre o 9 de setembro e o 12 de novembro deste ano 2017 unha exposición monográfica ó modisto Manuel Pertegaz quen (en verbas da autora Margarita Rivière): “foi un mestre, foi un precursor, cun talento innato para captar o espírito do tempo”.
A exposición está comisariada por Amalia Descalzo e Raúl Marina e abrangue de xeito retrospectivo a produción do modisto dende os seus inicios no ano 1942 até as derradeiras creacións do século XXI. Reunindo pezas emblemáticas do modisto na planta baixa da exposición, modelos de alta costura e confección nas plantas primeira e segunda agrupados por deseños de día, cóctel e noite, deixando a última planta da mostra para os traxes de noiva. Os conxuntos que se mostran pertencen ós fondos do Pertegaz Studio na súa meirande parte. Mais hai asemade conxuntos prestados por coleccións particulares e polos fondos do Museo del Traje CIPE de Madrid e do Centre de Documentació Museu Tèxtil de Terrasa.
O modisto Manuel Pertegaz (Olba, Teruel 1917- Barcelona 2014) foi durante moitos anos un dos creadores de moda españois máis célebres e valorados e ten deixado un notable legado á historia da moda en España. Comezou formándose como xastre de cabaleiros e en breve trocou cara á creación de roupa  para donas (habería de volver á confección para homes no 1997) abrindo o seu propio salón no ano 1942 en Barcelona. Pouco despois, no 1948, abriu establecemento en Madrid.
Tivo unha carreira empresarial de éxito centrada na alta costura e con unha época tamén dedicado á confección (chegou a ter os salóns de costura, entorno a cinco tendas de prêt-à-porter de luxo, e empregar arredor de 700 traballadores con mercado en varios países) actividades que duraron case que 70 anos e que foi reducindo progresivamente no final nos anos 1970. Unha redución do negocio producido polo troco das condicións fiscais no mercado americano e español, pola preeminencia da confección fronte á costura e polos cambios sociais debullados no seo do novo réxime político democrático en España que deron o pulo á muller traballadora e independente afeita á moda rápida, fronte á dona da alta sociedade das vellas épocas dedicada ó lecer e ós acontecementos sociais con etiqueta. Malia a moderada actividade comercial de Pertegaz no troco de século nunca deixou de traballar en liñas de licencias, perfumes, ocasionalmente confección e atendendo a moitas clientas de costura afeitas ó modisto.
A periodista Concha García Campoy dixo: “Manuel Pertegaz ten nome de etiqueta”, algo que é axeitado á realidade. Pois si ben sempre se cita a calidade como modisto exclusivo de Pertegaz; a súa negativa a ser nomeado continuador de Christian Dior no 1957; o moderno refinamento da decoración dos seus salóns e a súas vivendas; as míticas relacións de musa-clienta co modisto personificadas en Bibis Salisachs de Samaranch, Aline de Romanones, a Princesa Sofía e a raíña Letizia. O que máis transcende de Pertegaz é o seu pulo de marca, de icona pop nunha España parca en deseño nos anos 1960, 1970, 1980, co seu nome impreso en perfumes (Diagonal, Muy Pertegaz, Pertegaz Sport), prendas de confección, publicidades en revistas e licencias varias. O recordo a Pertegaz é o éxito da difusión comercial e non tanto a exclusividade dos salóns. Pertegaz forma parte do deseño emocional desas décadas en España, xunto a marcas como Iberia, Puig o restaurante Ruperto de Nola no edifico Torres Blancas de Madrid ou Loewe, pois crean a memoria estética colectiva dunha época de modernización.
Se ben os inicios de Manuel Pertegaz coinciden no tempo coa época dourada da alta costura con grandes modistos como Christian Dior, Cristóbal Balenciaga, Gabrielle Chanel, dos cales é herdeiro. A plenitude do seu estilo desenrolase no seo dunha xeración de continuadores entre os que están Pierre Cardin, Hubert de Givenchy, Yves Saint Laurent. Eles mesmos magníficos modistos pero asemade xenios da confección, das licencias, dos perfumes e da diversificación dos centros da moda. Se até a década de 1950 a moda e a súa industria dependían de París, avanzando a segunda parte do século XX entran na escena a moda Italiana, Americana, Británica e Española. Daquela é cando os modistos españois como Manuel Pertegaz, Elio Berhanyer, liberados da hexemonía francesa acadan a plenitude do seu estilo, vivindo unha época de liberdade formal e recoñecemento internacional.                
            Deses anos son os famosos escaparates dos almacéns Lord&Taylor na Quinta Avenida Neoiorquina dedicados á moda española (1964), a Gala da Moda Europea en México con entre outros Pierre Cardin, Pertegaz e Valentino (1960), as portadas de Harper´s Bazaar dedicadas a Pertegaz (1964), e o vestiario de Jacqueline Kennedy creado por Pertegaz (1960-63). Desas décadas son as creacións máis extraordinarias do xenio de Manuel Pertegaz que se elevan singulares fronte á preponderancia suspendida de Paris.
Seis traxes seis
Hai seis traxes na mostra que ben serven para facer un resumo da historia do traballo de Manuel Pertegaz. O traxe máis antigo que se presenta na Sala de Exposicións do Canal de Isabel II de Madrid é un vestido de día feito en seda con tecido de ollo de perdiz do ano 1947 que segue o estilo axustado ó busto e á cintura marcado polo new look de Dior.
A resposta á esa silueta marcada foi una década máis tarde a silueta trapecio proposta por Yves Saint Laurent.  Deste estilo hai na mostra unha creación de Pertegaz que é un abrigo de cóctel con corte triangular feito en tafetá de seda en cor verde esmeralda da colección primavera-verán do 1954. A peza foi no seu día fotografada por Henry Clark para o Vogue Inglés.
Seguindo nas invencións da moda da época o estilo do vestido balón de Balenciaga pódese apreciar nun traxe de cóctel de Pertegaz feito en seda ocre con estampado de flores vermellas e verdes do ano 1959, o corpo axustado fai contraposto á saia que é totalmente redonda case que un “balón”.
Outra herdanza da moda francesa é un traxe chaqueta de cóctel feito por Pertegaz en 1970 en crepé de lá cor marfil rematado en cor negra con un traballo de xastrería moi preciso que evoca o recoñecible xastre Chanel.   
Xa da época de España como novo centro da moda internacional hai na mostra un pixama feito en pita bordado con franxas de cristais, sequin e brillantes de cor dourado e prateado do ano 1969 que representa moi ben a modernidade e autonomía da moda española propoñendo un traxe de festa con pantalón para dona.
E dentro dun estilo de moda global dende os anos 1980 hai un vestido de cóctel de cor vermella sen ombreiros e rematado nas costas cun polisón en forma de lazo. Realizado en faia de seda leva o sobrenome de “o paxariño” pola forma que lle infrinxe á silueta que era frecuente entre os deseños dos anos 1940-1950 e que tivo moitos revivals en anos posteriores. O vestido exposto é circa anos 1980.       

Román Padín Otero

No hay comentarios:

Publicar un comentario