jueves, 22 de marzo de 2018

ICONOS DE ESTILO. MUSEO DEL TRAJE CIPE. FV 21.3.2018







ICONOS DE ESTILO. MUSEO DEL TRAJE CIPE MADRID. 15.3.2018-3.6.2018. COMISARIO OLIVIER SAILLARD
Iconas de estilo.
O Museo del Traje Centro de Investigación del Patrimonio Etnográfico está a expoñer en Madrid, dende o día 15 até o vindeiro día 3 de xunio, deste ano 2018, a mostra Iconos de Estilo. Una mirada a la Indumentaria Tradicional.                                                                                                    
Trátase dunha selección de parte das coleccións de indumentaria tradicional que conserva o museo, para a que se teñen escolleito 500 pezas incluíndo traxes, accesorios e xoias, datados entre o século XVIII e o inicio do século XX. Este conxunto de indumentaria compón a orixe da colección do museo que data do ano 1925 e fora reunido para celebrar a exposición do traxe rexional que tivo lugar no Palacio de Bibliotecas y Museos de Madrid. Sendo o conxunto inicialmente mostrado como exposición de traxe rexional e histórico, logo museo da mesma materia, transformado en Museo del Pueblo Español, Museo Nacional de Antropoloxía, chega ós nosos días como Museo del Traje CIPE. Unha institución onde se custodian estes fondos que aparecen moi ampliados por sucesivas incorporacións, restauracións, dacións e adquisicións.                                     
         A presente mostra é daquela unha mirada cara o interior da institución mesma e un afondamento nunha das partes das que se ocupa o museo, a indumentaria, pois a moda ocupa a meirande actividade das exposicións temporais, conferencias e comunicacións deste Centro.
O comisario da mostra é Olivier Saillard, moi recoñecido especialista en moda e exposicións, quen fora até hai pouco director do Palais Galliera Musée de la Mode de la Ville de Paris. Na etapa da súa dirección no museo parisino o Sr. Saillard tivo o mérito de promover  a celebración en Francia no ano 2017  dunha tempada de moda dedicada a España. A  Saison Espagnole incluíu tres exposicións, unha monográfica temática que facía arquivo da cor negra na creación de Cristóbal Balenciaga titulada Balenciaga, l´oeuvre au noir , que tivo lugar no Musée Bourdelle. Outra grande monográfica restrospectiva dedicada a Mariano Fortuny, na propia sede do Palais Galliera. E finalmente unha mostra que xurde do descubrimento incidental por parte do Sr. Saillard nos fondos do Museo del Traje que visitaba para preparar a mostra de Balenciaga, do conxunto de traxes, bordados, ricos tecidos, chapeus, deseños e conxuntos que forman o groso da colección de indumentaria. A fascinación do comisario francés pola colección e a súa importancia etnográfica e artística deu en servir para presentar a mostra Costumes Espagnols entre Ombre et Lumière albergada pola Maison de Victor Hugo. Esta terceira mostra da tempada española da moda nos museos franceses será a que vexamos agora en Madrid, incrementada iso si, con algunhas xoias do século XII , algúns amuletos, obxectos decorativos e xoias que serven para contextualizar o conxunto de traxes.
A preciosa execución dos traxes, a maioría de eles enriquecidos con magníficos encaixes e bordados, xunto á importancia de salientar a cultura dunhas épocas onde cada quen sabía cortar, coser, decorar, trenzar…a súa roupa (pois os traxes están feitos na meirande parte polas persoas que os levaban), levan a conclusións estéticas sobre os mesmos e sobre a arte do vestido. Opina Olivier Saillard que do mesmo xeito que en Francia a moda toma apoio na alta costura, en España a moda está apoiada nesta forma de crear de erudita diversidade. Trátase doutra forma de costura moi valiosa e apreciada polos estudosos e polos modistos.
Entre os primeiros está o fotógrafo José Ortiz Echagüe quen en 1930 fotografou a unha grande representación deses traxes e das xentes que os levaban. O libro de retratos Tipos y Trajes é unha loubana ás xentes e un arquivo do vestidos que se exhibe xunta á mostra dos traxes.
Entre os modistos que sentiron o sortilexio da indumentaria recolleita nesta mostra está o mestre Cristóbal Balenciaga quen non soamente era coleccionista de tecidos e pezas antigas e autóctonas se non que nas súas siluetas tomaba prestadas numerosas herdanzas do patrimonio etnográfico (bordados goyescos, sombreiros de mariñeiros, capas populares). O extraordinario John Galliano sinte tamén o influxo das diversidades da indumentaria española, dende chapeus até xoias pasando por saias e mantelos. Un predilecto fillo de Arlés o modisto Christian Lacroix, é tamén un dos grandes modistos que ten moita conciencia dos tipos e traxes españois nas súas coleccións, recolle todo o barroquismo e gusto polo decorado que teñen os vestidos de festa e mesmo os traxes das efixies relixiosas e tallas virxinais presentes en romarías, procesións e festas populares.
A exposición vai máis alá de mostrar os traxes rexionais españois pois non é exhaustiva e ademais emprega unha mirada que salienta a variedade e a fermosura singular de cada un deles, o estilo como icona de cada tipo e persoeiro.
Indumentaria tradicional.
Son moitas as pezas fermosas e singulares que se recollen na mostra. Entre outras está o moi célebre traxe de Lagartera da provincia de Toledo que está confeccionado con tecidos de lá e seda, cintas de Talavera e Valencia, encaixe con fíos metálicos, pendentes de media lúa, relicarios, rosarios e o ramo de noiva colocado sobre o peito. A riqueza dos bordados apréciase na roupa branca que compón o traxe, nas cintas e panos bordados con motivos xeométricos e florais coma tulipáns e caraveis (fig.1).
Entre as pezas de home atopamos as capas de Zamora. As capas pardas son o crisol que resulta de unir as vilas de Aliste, Carbajales e Mirando do Douro (Portugal). Son sobrias e pesadas, froito do comercio gandeiro da rexión. Empregábanse de cotío, para celebracións e procesións. Están feitas de lá de ovella, levan esclavina, capa curta baixo o pescozo e capillo con aplicacións de pano negro con debuxos xeométricos picados a tesoira e pespuntados (fig.2).
Moi interesante é a visión dos traxes de Andalucía, pois os traxes tradicionais nesta Comunidade van moito máis alá do vestido de volantes. Hai forte presenza do chamado traxe castelán de manto e saia (Cádiz), que atado á cintura sube até cubrir parte da cara. O traxe de Alosno en Huelva, leva un bordado en negativo na camisa que conecta co marroquí de Fez (fig.3). O emprego to mantonciño de Manila está documentado en Almería. E o traxe de Granada revive a moda romántica en patróns, adornos de cordonciño, o emprego do catite (tipo de chapeu)  e polainas de coiro.
Nos Pireneos atopamos que cada val ten cada en seu modo de traxe. No val de El Roncal en Navarra, o traxe feminino está composto de corpiño negro de lá con bordados e varias saias asemade feitas en lá. As saias son de cor azul violáceo con un baixo ou haldar de cor vermella. A saia superior colócase dun xeito singular, volta cara arriba nas costas facendo unha forma de abanico ou bolboreta, grazas a un broche de prata que se chama bitxi (fig. 4). 
Hai asemade prendas singulares coma o traxes de vistas de La Alberca, Salamanca, profusamente enxoiado. O traxe de viúva rica de Zamora feito en veludo negro con chapería dourada. E a gorra de palla moi decorada, inspirada nunha capota romántica do traxe de dona de Montehermoso, Cáceres (fig.5). A grande variedade nos traxes das Illas Canarias e nas Illas Baleares. E o majismo no traxe de Madrid. ¡Haberá  logo que visitar a exposición para descubrir as singularidades do traxe galego!              
Román Padín Otero


No hay comentarios:

Publicar un comentario