lunes, 1 de noviembre de 2021

Iconas pop fv 28-10-21


Deseño e creación no tempo das iconas.

 

Non é sinxelo seducir ó público das artes no século XXI con propostas creativas pois a profusión de imaxes na “Pantalla Global” na que vivimos e a confusión entre creatividade e mercado provocada polo vixente “Capitalismo Estético” converten nunha tarefa de Hércules gustar e emocionar a unha audiencia hiperinformada e volátil.

 

Atopamos, malia a dificultade da tarefa, dúas convocatorias arestora en Galicia que nos serven para pensármonos sobre a natureza da creación nos nosos días, a súas virtudes e si fora o caso, os seus capitais erros. A creación en deseño e a creación nas artes plásticas son respectivamente os dous ámbitos ós que nos referiremos citando sendas convocatorias expositivas. A primeira no Centro Galego de Arte Contemporánea baixo o chamado da “Rede Española de Asociacións de Deseño” se celebra a exposición FSWD From Spain With Design. A segunda no Auditorio de Galicia coa celebración do concurso e mostra do “12 Premio para Novos/as Artistas”. Ámbalas dúas son citas cheas de creación e pensamento.

 

A FSWD é unha gran reunión de obxectos deseñados nos nosos días por máis de cen autores que ofrece unha visión de conxunto do deseño contemporáneo vixente. A mostra se acompaña no título do leitmotiv “Identidade e Territorio” e se presenta estruturada en catro partes que levan por título: Interseccións; Internacionalización; Sustentabilidade; Complicidades. 

Na mostra hai creacións de deseño de obxecto, produto, industrial, gráfica e embalaxes. Na visita se pode percibir a natureza funcional e a importancia dos materiais nos deseños do século XXI. Un século atrás na era da Bauhaus o debate era sobre forma e función e o emprego dos novos materiais industriais para aplicacións no deseño de obxectos cotiás. Logo nos anos 1980 na era do postmodern co movemento italiano de deseño Memphis, o debate troca cara antepoñer a forma á función e incorporar o concepto de mal gusto ou gusto pop á bagaxe do deseño industrial de primeiro nivel. Na actualidade as preocupacións están enfocadas cara ós novos materiais que axuden a poñer fin á decadencia no espazo natural do planeta terra e ós procesos produtivos que garantan o respecto polos dereitos humanos e liberdades fundamentais en tódolos países nos que se poda desenrolar a manufactura, dada conta da vixencia da localización globalizada dos medios produtivos.       

Hai un século os creadores andaban tentados de trocar o mundo por medio da arte das vangardas, tamén por medio do deseño de mobles e casas na vontade da máquina de habitar e dunha medida maxistral por medio do Modulor. Logo nos tempos do todo vale postmodern se tentaba romper os moldes do gusto burgués moderado e autosatisfeito con mobles de cores rechamantes e formas incómodas. Aínda no século XXI os deseñadores teñen de cambiar o mundo pero agora por causa das situacións de Emerxencias humanitarias, climáticas, sociais e políticas nas que nos atopamos. As tribulacións da humanidade non toman acougo endexamais.   

O leitmotiv da creación nestes tempos hipermodernos que vivimos outorga logo, maior espazo ás materias primas e aplica menos vehemencia ás formas que teñen de estar condicionadas polo material mesmo. Pensando no deseño de prendas de vestir, moda e indumentaria, obxectos que non aparecen recollidos na mostra de deseño á que nos referimos pero que compre citar, o creador ou modista ou deseñador ten de seguir a natureza do tecido para acadar unha forma concreta e non produce bos resultados quebrar a orde da materia. Logo nos deseños industriais de hoxe, cando o problema son as contaminacións, os residuos e as segundas vidas de obxectos e materiais, os deseñadores teñen de superar unhas coordenadas previas para acceder cun produto novo ós mercados. Hai quen pode pensar que eses garantes sempre existiron no deseño escandinavo e que as normativas e regulacións doutros países foron orientando ás creacións polas boas prácticas. Malia eses esforzos, especialmente os dos nórdicos, a situación canto á coherencia da produción e administración de materiais segue sendo de Emerxencia e todo o relativo á sustentatibilidade é un requisito previo para considerar calquera deseño novo.

Na mostra podemos ollar cara esculturas flotantes feitas con madeiras lixeiras que recordan unha pluma dun paxaro. Hai traballos de cesteira feitos con materiais novos de aspecto aerodinámico. Hai lámpadas, cadeiras, pavimentos, mesas, leitos, bicicletas, xerros e gráficas sobre volumes ou carteis que proxectan un novo espazo para a habitabilidade que pretende ser máis esencial, transitado e poético. Quizás a necesidade e as emerxencias nos levan a un espazo de sedución na creación do século XXI máis afín ás tradicións místicas europeas e máis separado da vaidade do pop consumista americano.      

 Arte en contexto

Preséntanse os traballos dun bo grupo de artistas na mostra do décimo segundo Premio Auditorio de Galicia para Novo/as Artistas. Son arredor de trinta obras que dan testemuña do traballo creador doutros tantos persoeiros, ás veces operando en colectivo, que reflicten dun xeito certo o contexto artístico na nosa terra ou Zeitgeist.

Atopamos daquela na sala de mostras Isaac Díaz Pardo un cumio de obras de arte transversais e heteroxéneas. Obras que mesturan técnicas como pintura, debuxo, escultura, téxtil, vídeo, animación e filme. Non fican as persoas dedicadas á creación hoxe, nos límites do cadro ou na altura do pedestal na escultura, moi lonxe diso todo é integrable no espazo visual da obra de arte.

Diego Vites coa instalación “Rosa”; Antía Vieiro Fernández cos debuxos “Unha infancia sinistra”, Christian García Bello coa escultura “Lonxe, lonxe (coa sardiña no cinto)”, son os tres premiados da convocatoria e representan claramente polos contidos e formas das súas creacións a nutrida realidade cultural e artística do momento actual. Diríamos que ollamos cara a un arte universal habitado por formas que ocupan aleatoriamente os espazos creativos que se xestionan con grande suceso por parte dos artistas, deseñadores, técnicos e artesáns. A mobilidade ou tránsito conforma tamén a faciana das artes máis novas, aínda que se debatan as cuestións fronteirizas na escena política dos dous mil, acontece que as novas xeracións amosan unha capacidade de trasladarse entre mundos, países e linguaxes artísticas que se reflicte de xeito claro no eido da creación nas artes e sen dúbida a convocatoria do Auditorio é bo exemplo diso, unha mostra que emociona e gusta.  

Román Padín Otero      
 






No hay comentarios:

Publicar un comentario