jueves, 23 de junio de 2016

Fashion Forward; FDV 23.6.2016







Fashion Forward.
A moda sempre avanza. Esta frase é o leitmotiv dos trocos que se infrinxen na aparencia vestida cando o tempo pasa ela. O Museo de Les Arts Décoratifs de París, titula con esa frase Fashion Forward, unha exposición que até o 14 de agosto deste 2016, presenta na súa sé do Pazo do Louvre.
Comisariada por Pamela Golbin, conservadora xeral de moda e téxtil do museo, a mostra percorre 300 anos de indumentaria e moda. Comezando no 1715 e chegando até o 2015, abrangue un amplo espectro de estilos e épocas. Presentando una selección de 300 pezas dos 10.000 rexistros que posúen nos fondos do museo. 
Parece que o público das exposicións de moda, ten entre outros intereses frecuentes o de poder coñecer afondo as grandes etapas da historia da indumentaria. Cómo se vai pasando dun estilo ó outro. Esta mostra da cumprida resposta a esa demanda, e míranse sucesivamente tódolos estilos dende o inicio do século XVIII.
A época Rexencia, é o inicio. Con traxes masculinos, femininos e infantís.  ¡Hai mesmo, como curiosidade,un traxe para simio, que era unha mascota frecuente da época,feito en tafetá de seda cor caldeiro, datado en 1730!.
De seguido o estilo Luís XV e Luís XVI. Cos que son os traxes asimilados ó Ancien Régime. Para as donas os vestidos á francesa, con corpiño, amplas mangas e saia con recheo. Tamén o vestido á inglesa e polonesa, traxes máis simples non distantes do traxe de amazona. Para os homes o terno, con casaca, chaleco largo e culottes ou pantalóns até media perna.
Como queira que a moda, é reflexo de factores sociais e políticos, as roupas que seguen son do período da Revolución Francesa, a moda Directorio, inspirada na volta ó clasicismo, presenta unhas donas con silueta tubular, con vestidos cortados por debaixo do busto. Os homes con chaleco, pantalón, e casacas de diversas facturas, con colos grandes ou de estilo redingote ou riding-coat, máis á inglesa. A emperatriz Joséphine cos traxes brancos lixeiros e mostra desta moda; e Napoleón con uniformes de colo alto, mostra do home da época.
Segue a moda Romántica, con mangas redondas e grandes, saias volantes e casquetes. Os homes con cinturas marcadas e sombreiros de copa. Xa pasado o medio do século XIX, en 1856, con Charles Frederick Worth, o primeiro modisto da historia, atópase a crinolina, esa estrutura que creaba unha silueta como de campá na saia da dona. E de cuxo recordo débese moito á unha clienta dilecta de Worth, a emperatriz Eugenia. Os homes con silueta longa en negro, gris, ocre e branco. A roupa da muller vai evolucionar, cara á comodidade, primeiro estreitando a saia e convertendo a campá da crinolina, nunha saia con polisón e faixa en S. E logo liberando o corpo da faixa. Canto os homes, poucos trocos axiais, até avanzado o século XX.
O seguinte contido da mostra, entra xa, como a propia historia da moda, na era dos creadores. Cada un propoñendo un universo persoal dentro do espírito dos tempos que lle corresponden, e sempre avanzando, abrindo os ollos da clientela cara a novas posibilidades.
Jacques Doucet, Paul Poiret, Gabrielle Chanel, Jeanne Lanvin, Madeleine Vionnet, Cristóbal Balenciaga, Christian Dior e Yves Saint Laurent. Son os visionarios que enchen case que cincuenta anos de historia da moda, nos que cambia a silueta con cada década. Da silueta art nouveau, en forma de S e de champiñón para as donas. Pásase á liberación da faixa por Paul Poiret con aires orientalistas, influído polos Ballets Russes de Diaghilev. Os cambios deste modisto foron notables, mais a súa idea do luxo, facía prendas aínda ampulosas para a muller. Sería Gabrielle Chanel, a que influída pola roupa de cotío dos mariñeiros franceses e o gusto polo deporte e a vida ó aire libre, incorporaría ó vestiario feminino a comodidade, liberdade e feminidade do século XX.
Tres séculos de moda
 A parte da mostra que abrangue o século XX, especialmente dende 1947 até os nosos días, está localizada nunha gran galería branca, dende cuxo centro, xurde un grupo de varias escaleiras de caracol. Son estruturas escultóricas, monumentais, de varios metros de altura, nas que se asentan os traxes.
Partindo do new look de Christian Dior en 1947, preséntanse modelos de tódolos grandes creadores. Están presentes Elsa Schiaparelli, Cristóbal Balenciaga, Givenchy, Paco Rabanne, Pierre Cardin, Sonia Rykiel, Emmanuel Ungaro, entre outros.
Continúa a mostra con outros creadores máis contemporáneos como Azzedine Alaïa, John Galliano, Hussein Chalayan, Comme des Garçons, Karl Lagerfeld, Issey Miyake, e outros moitos.
A mostra compre os requisitos da cultura do espectáculo. Unha grandiosa instalación, que nos leva á sorpresa cando a visitamos. Algo semellante ó que acontecía nas Cámaras das Marabillas do século XVIII, onde todo descubrimento estético e científico, servía para deleite do coleccionista e sorpresa do visitante. O número de modelos expostos e impresionante, daquela no hai argumento para que non interese algo de ensinado. As épocas que abrangue, son case que tódalas do traxe moderno. E a conservación, iluminación, coreografía dos modelos, ordenación cromática e estilística, ofrece un espectáculo, semellante o dos Royal Fireworks, para os que Georg Friedrich Händel, compuxera a peza homónima.
Moito ten avanzado a moda, dende ser rexeitada nos museos, ate ser peza axial na engrenaxe da cultura do espectáculo do século XXI, con estatísticas de visitas millonarias e montaxes espectaculares. A moda a nova musa das artes. 

Román Padín Otero      

No hay comentarios:

Publicar un comentario