jueves, 30 de junio de 2016

HAUTE-À-PORTER, FV, 30-6-2016




Haute-à-Porter
Alta confección de moda.
Cando se fala da moda de Bélxica, de contado pensamos na cidade de Anveres. Onde está a Real Academia de Belas Artes, da que xurdiron deseñadores axiais na historia da moda dos derradeiros 35 anos. Anne Demeulemeester, Walter Van Beirendonck, Dirk Bikkembergs, Dries van Notten, Dirk van Saene, Marina Yee, son os chamados “Antwerp six”, pola prensa británica, logo de teren exposto con éxito as súas prendas na feira de moda de Londres en 1987. Tamén en xeracións posteriores, Martin Margiela e Ralf Simons, procuraron nome á escola.
Ademais en Anveres, está o museo da moda, MOMU, onde se celebran importantes exposicións de vangarda, e que serve de plataforma de coñecemento para os talentos relacionados ca Academia e outros chegados doutros lares.
Mais non é Anveres a soia cidade con museo de moda en Bélxica, a cidade de Hasselt, conta cunha grande tradición téxtil dende o século XIV. Nela ten o seu enderezo o Museo da Moda de Hasselt, que ten as portas abertas na súa actual sé dende 1995.
Arestora e até o mes de setembro, o Museo da Moda de Hasselt en Bélxica, presenta a exposición Haute-à-Porter. A mostra está comisariada polo deseñador de moda, xornalista e fotógrafo, Filep de Motwary. E ten como tema central, a relación entre a roupa de alta costura e a roupa de confección.
Habitualmente asimílase a alta costura, co traballo artesán, co luxo, a extravagancia e o espectáculo. E ten acontecido dende hai varias décadas, que unha parte emblemática da roupa de confección, amosa asemade estas características. Estas coincidencias de estilos e manufactura, é o que subliña a mostra, ó poñer no mesmo contexto roupas extraordinarias de confección, con roupas extraordinarias de costura.
Ademais das roupas, a exposición conta cunha espectacular posta en escena, na que se crean espazos con arquitecturas efémeras, grandes escaleiras, caixas e plataformas, nas que se colocan os traxes a diversas alturas. Complétanse os tableaux con luces indirectas e con, ¡animais disecados!. Así que as mulleres paxaro dos traxes bordados con plumas, comparten espazo con avestruces. Un elefante garda as costas de traxes de aires africanos. E un reno coroa coa súa cornamenta traxes de siluetas infanta. Filmes, fotografías e música, completan unha posta en escena ariscada e efectista.
Hai entre outros deseños, pezas de alta costura de John Galliano, que destacan con bordados de cores e mestura de tecidos. Están tamén presentes Viktor & Rolf, quen son habituais das exposicións de moda de vangarda, pois os seus traxes arriscan a iconografía habitual da roupa cotiá, para entrar nunha roupa teatral, establecéndose conceptualmente no vértice da arte e a moda. Hai do deseñador xaponés Yohji Yamamoto, tres traxes singulares, pois son de deseño tridimensional, fronte o habitual estilo bidimensional do deseñador. Son traxes con volantes acentuados con baleas, que teñen aire occidental.
Entre os deseños de artesanía extraordinaria, está o modelo Quimera de Thierry Mugler, pertencente á súa colección de alta costura outono/inverno 1997/98. É un espectacular traxe de cores metálicos que nunhas partes é como unha armadura e noutras como unha segunda pel. Tamén de Thierry Mugler, está o traxe de cow-girl, de pedrería vermella, que aparecera no vídeo de George Michael titulado “Too Funky” do ano 1992.
Está tamén o espectacular traxe branco de plumas deseñado por Sarah Burton para Alexander MacQueen, da primavera/verán de 2011. Onde o corpo aparece cuberto de plumas cortas e a saia longa está feita de cascada de plumas longas que gravitan.
É unha selección que presenta pezas exquisitas dos derradeiros trinta anos, e que ten sido aclamada por toda a prensa internacional.
Confección de calidade
Entre os deseñadores especializados en confección presentes na mostra, atopamos as habituais sinaturas de Prada, Dior, Gucci, Givenchy, Lanvin. Que teñen sempre a calidade dos talleres artesáns de grande tradición destas empresas de lenda, que nas últimas décadas teñen mellorado coa utilización de solucións tecnolóxicas nos tecidos e nos procesos.
Xunta este clásicos, están presentes creadores alternativos ou portadores de universos singulares, fronte á hexemonía das tendencias das grandes corporacións. O deseñador Rick Owens, presenta un universo únicos, poético e arriscado, abondando sempre nos volume grandes e estética póvera.
A empresa orixinaria de España, del Pozo, cuxo deseño corresponde dende 2012 a Josep Font, está tamén presente, pois o seu universo é dunha delicadeza extrema. Con xeniais aplicacións que parecen de origami sobre tecidos e volumes monacais combinados con elementos lixeiros.   
A  deseñadora holandesa Iris van Herpen, que é moi recoñecida pola comunidade museística, a pesar de súa corta idade e breve carreira, está tamén presente. Cos seus traxes de poética tecnolóxica, siluetas innovadoras e patróns sinxelos. Ela serve ademais de fío argumental para a máis nova linguaxe da moda. A que relaciona moda e tecnoloxía, pois atopa a estética en solucións útiles para tecidos, formas, estampados, volumes ou cores. Sendo a nanotecnoloxía un campo empregado pola creadora, así como as colaboracións con arquitectos.  
Tamén Vivienne Westwood, Maison Martin Margiela, Erdem ou Gareth Pugh, entre outros están na mostra.
Entre os fotógrafos presentes, René Habermacher, Giampaolo Sgura e Peter Lindbergh. É unha mostra coral, onde todos teñen unha liña no diálogo da alta moda coa confección de vangarda.

Román Padín Otero  

No hay comentarios:

Publicar un comentario