jueves, 3 de noviembre de 2016

Salvatore Ferragamo Museum FV 3.11.16







Cruce de camiños. Atravesando a arte coa moda
Salvatore Ferragamo, a coñecida empresa florentina orixinariamente dedicada ós zapatos e que dende hai décadas ocupa tódalas liñas de negocio de moda, conta con un Museo Ferragamo. O museo, situado no Palazzo Spini Feroni, en Florencia, Italia, sé orixinaria asemade da empresa, foi inaugurado no 1995.                                                                                      O antecedente do mesmo, atópase nunha exposición itinerante que baixo o título Salvatore Ferragamo.The Art of the Shoe 1927-1960, se dedicou ós zapatos e creacións da casa, no final dos anos oitenta. A mostra viaxou polo Victoria&Albert Museum de Londres, polo County Museum de Los Ángeles, Museo Guggenheim de Nueva York, Sogestu Kai Foundation de Tokio,  Museo de Bellas Artes de Ciudad de México. E no cabo, a exposición temporal transformouse en permanente inaugurando o museo en Florencia.                                                                                                             A Fundación Ferragamo, coida o patrimonio e o arquivo da casa de modas e calzado. Tamén aporta orzamento para a restauración de monumentos históricos. Recentemente ven de dar financiamento para restaurar oito salas da Galleria degli Uffizi, on de se expoñen os mestres do Renacimento.            O Museo Ferragamo, mostra os fondos da colección de creacións da casa e organiza asemade exposicións temporais.                                                          Neste ano 2016, presenta a exposición, Tra Arte e Moda, comisariada por Stefania Ricci. A exposición analiza as borrosas fronteiras entre arte e moda. Propoñendo ó visitante a tese de que a moda é unha nova forma de ver o mundo. Non é un universo limitado ós traxes que se poñer. Hai moito de cultura e investigación detrás. A moda mira cara á arte para aumentar o propio prestixio e a arte sinte curiosidade pola moda, pola liberdade de representación e a súa contemporaneidade.                                                     O punto de arranque da mostra, é un zapato de dona de talón alto que Salvatore Ferragamo diseñara para Marilyn Monroe. No ano 1958, engadiu a ese zapato de ante, uns círculos concéntricos de cores. Unha especie de diana feita de pel de cores, que ten unha forma semellante ó motivo do cadro sen título, pintado por Kenneth Noland no mesmo ano, 1958, e que representa unha diana concéntrica.                                                                                     O surrealismo, está presente co abrigo de noite, creado por Elsa Schiaparelli con Jean Cocteau no 1937. Que ten un bordado nas costas representando dous perfís cun xerro con rosas.                                             A deseñadora italiana Germana Marucelli, considerada a creadora a moda milanesa, colaborou con artistas. Preséntase na mostra un vestido corto de festa, de alta costura, da colección outono/inverno de 1968-9, feito en lentellas sobre seda. O vestido azul ten uns círculos negros, que son froito da colaboración da modista co artista Paolo Scheggi, de quen tamén se presentan obras na exposición.                                                                              O diálogo interactivo entre arte e moda subliñouse nos anos oitenta, coa aparición dun corpiño de xesta creado polo deseñador xaponés Issey Miyake, na portada da revista Artforum. Na mostra está un corpiño de Issey Miyake, feito en fibra de vidro reforzada, do ano 1980.                                                                   Do creador Nick Cave, está na mostra o chamado Soundsuit, do ano 2010, feito en tecido de punto, con blondas concéntricas e cadradas, que remata nunha gran mitra. A peza é unha escultura para vestir que altera as proporcións de corpo e testa.                                                                          O artista Yinka Shonibare, ten unha linguaxe articulada sobre esculturas feitas con tecidos africanos. Na mostra, presenta Food Faerie do ano 2011. Que representa un anxo feito con manequim, algodón holandés, alas de pluma e base de aceiro.                                                                                    O dúo de modistos holandeses Viktor&Rolf, caracterízanse por facer uns desfiles performativos,, nos que presentan roupas no límite da utilidade. Na mostra teñen a Shirt Symphony do ano 2011. Un enorme vestido branco feito de satén, cunhas mangas de xemelgos enormes que saen dende o pescozo. E cunha saia con forma de garda infante.                                            Hai na mostra tamén, creacións dos artistas que no troco do século XIX ó XX, miraban ó clasicismo grecolatino para innovar. Corpos liberados da faixa e do polisón, que permitían liberdade ás donas. Está o modisto e deseñador español afincado en Venecia, Mariano Fortuny,  Hai imaxes de Dante Gabriel Rossetti e de Gustav Klimt.                                                  As vangardas están representadas con Sonia Delaunay e  Elsa Schiaparelli, dúas mulleres que fixeron do cubismo órfico e do surrealismo, respectivamente, o fío condutor das súas modas.                                             Yves Saint Laurent inspirado en Mondrian. Yohji Yamamoto inspirado en Joan Miró. Andy Warhol ilustrador de revistas de moda. O refinamento do modisto Capucci; as siluetas de corpo hiperfeminino de  Azzedine Alaïa. As invencións motrices e políticas de Hussein Chalayan. Todas elas moda alén da arte.

Industrias culturais
Non é soamente Salvatore Ferragamo a única empresa italiana de moda, que dedica parte dos seus recursos e actividade cultural.                                  A Fondazione Prada, constitúese no 1993, e conta dende 1995, co crítico de arte, Germano Celant como director artístico. Ten dúas sés en Milán e Venecia, deseñadas por Rem Koolhaas. E presentan exposicións de principais artistas como Anish Kapoor, Damien Hirst ou Jeff Koons. En 2009, instalaron en Seúl, un pavillón chamado Prada Transformer, un edificio con estrutura mecánica móbil cuberto por unha membrana que troca de forma. Sirve para acoller a exposición de moda Waist down- skirts by Miuccia Prada.
O grupo francés Kering, ten a François Pinault Foundation, con sé en Venecia, na Punta della Dogana, reformada polo arquitecto xaponés Tadao Ando. E tamén en Venecia, Palazzo Grassi, é outra sé  da  Fundación, onde se celebran notables exposicións das artes. 
A empresa Ermenegildo Zegna, a través de ZegnArt, dende 2011,  comisiona pezas de intervención artística en espazos públicos e tamén nos seus establecementos comerciais. Teñen colaborado con Michelangelo Pistoletto, Frank Tiel, Mimmo Jodice entre outros.
A empresa Gucci, pertencente ó grupo Kering, abreu no 2011 o Gucci Museo, en Florencia. No que se expón una colección permanente de vestidos e accesorios da firma. Onde se exhiben as iconas da empresa, o seu estampado Flora, a logo manía, a arte da viaxe. Os obxectos se acompañan de referencias ós mitos do cinema, e da cultura popular do século XX, que fixeron da firma un referente, como Sofía Loren. Xunto á parte da empresa, hai exposicións temporais de artistas, centrados esencialmente en cinema e novos soportes, no espazo Contemporary Art Space.
Giorgio Armani, inaugurou no 2016,  o seu museo Armani Silos en Milán, onde mostra o seu universo. O espazo Corso Como en Milán, acuñou nos anos 1990 o termo concept store, e segue a expoñer e vender, arte, moda e literatura. A empresa Trussardi, conta tamén cunha fundación para a cultura.
Román Padín Otero.


No hay comentarios:

Publicar un comentario