viernes, 27 de enero de 2017

moda en Cuba FV 22.12.2016




Aspectos dunha sociedade en troco.
Un dos temas de actualidade é Cuba ante un futuro de trocos. Quizais a derradeira das materias das que ocuparse na cuestión cubana, cando un país ten aínda por estruturar as liberdades políticas e o sistema económico, sexa a da aparencia dos seus cidadáns.Pero, cal é o xeito en que se visten as persoas cando non hai estrutura de mercado por causa dun sistema político, non deixa de ser unha cuestión interesante. Ten transcendencia antropolóxica e sociolóxica.
Dende unha perspectiva antropolóxica, a vaidade, a estética, a vontade de gustar, parecen innatas. E malia as tentacións de réximes totalitarios de anular o gusto. Éste permanece incólume dentro do xénero humano. Cuba dende a revolución de 1959, malia as restricións, non perdeu o desexo de mirar e ser vista.
Dende unha perspectiva sociolóxica, a moda é reflexo do movemento dentro das sociedades plurais do século XXI. A moda é frívola e superficial. Pero tamén é cultural e analítica. Crea postos de traballo, transaccións económicas e creativas. Tal é o que acontece en Cuba na actualidade, onde malia as restricións, hai un termómetro de vitalidade reflectido nalgunhas pequenas actividades relacionadas coa vestimenta, a moda, a creación, o lecer. Malia os bloqueos e os bloques políticos, o desexo de expresar a individualidade aparece na sociedade.
España que hoxe conta coa primeira corporación en moda a nivel mundial, Inditex, atopa as orixes modernas do seu sistema da moda en Cuba. As Galerías El Encanto, ofrecen en La Habana, unha gran variedade de xénero dende o inicio do século XX. Eran tan notorias que a casa Christian Dior, tivo nelas unha rama nas épocas douradas da alta costura. Tres españois relevantes no comercio, e moi relevantes no comercio de téxtil, formáronse neses grandes almacéns: César Ródríguez, que fundaría os Almacéns Ultra, na Habana; o seu sobriño Ramón Areces, que habería de fundar El Corte Inglés, co respaldo do seu tío; Pepín Fernández, que habería de fundar as Sederías Carretas, que logo se transformarían en Galerías Preciados.
Na primeira metade do século XX,  a modernidade e o glamur eran cubanos. Actores, actrices, casinos e donas con cabaleiros elegantes eran o normal en La Habana. Daquel glamur, non queda nada en Cuba, pero tampouco en España, nin no resto de Europa ou América do norte. Soamente podemos mirar a ese pasado de Ernest Hemingway  e Ava Gardner con nostalxia.
O que si queda en España, no resto de Europa e América do norte, é o sistema do comercio de grandes corporacións, un novo paradigma do consumo, o capitalismo estético, onde todo está contaxiado pola moda e o deseño. A moda invade a vida pública e privada, atopámola na gastronomía, no vestido, na arte, nas relacións sociais. O sortilexio da moda é absoluto, e países que outrora permanecían fora do seu embruxo, son agora líderes en consumo das súas bagatelas. Sendo Rusia, China e Países Árabes, os máis hipnotizados polos encantos do consumo de bens de luxo.
  Na Cuba de hoxe, aínda hai moitas necesidades antes de se ocupar de modo cotián das vaidades do consumo de bens de deseño e da moda. Pero si hai algunhas manifestacións da insoportable levedade da moda, como a existencia dun Instituto Superior de Diseño Industrial. Existen asemade algúns negocios “de deseño”, como a empresa Clandestina, de roupa e accesorios. As roupas de liño de Salomé. E o espazo café-tenda de moda de Jacqueline Fumero. Tamén o espazo multidisciplinar, Fábrica. E o que parece que está xeneralizado por necesidade, é mercar “ó xeito cubano”. As tendas están legalizadas, pero hai moitos establecementos ocultos en pisos onde se ofrecen roupas de firmas europeas, sobre todo roupa de confección básica ou barata.
Xogo de donas.
É notorio que o sistema da moda de occidente, ten cousas boas, como a liberdade individual e a creación de emprego. Pero ten asemade cousas malas, como o consumo sen acougo e a banalización estética. Aínda que a liberdade individual garante a celebración da creatividade e outorga espazo ós deseñadores máis vangardistas. Tamén é certo que o consumismo que dirixe a vida no século XXI, outorga valor a cousas que son detritos.
O ideal sería que un país que se incorpora a este sistema de moda-consumo-low cost, puidera escapar das partes malas, e fomentar dende un inicio a calidade, a ecoloxía, a estética. Pero iso non é fácil, e nese paquete completo de capitalismo estético, vai a cura e a enfermidade…arestora en Cuba ó tempo que aparecen comercios nutridos de xénero útil, destaca tamén algún blogger de moda, como Miguel Leyva, e algunha revista de moda como Garbos.
Un acontecemento que se viviu con interese, pola comunidade creativa cubana e polo mercado internacional, foi a presentación do desfile da colección cruceiro 2016-17 de Chanel. En maio, o Paseo del Prado de La Habana, encheuse de modelos e famosos para celebrar ese acontecemento. Unha colección que tiña as doses de comodidade e xovialidade que establecera a fundadora da empresa Gabrielle Chanel, e que se presentaba nesta volta con aires de Cuba. Estampados feitos cos autos dos anos 1950 (almendrones), típicos da illa e zapatos de dúas cores de estilo tropical, foron algúns dos elementos deste xogo da moda evocador da época do glamur.
Unha deseñadora cubana que simboliza a elegancia propia da illa é Isabel Toledo, quen xunta o seu home, o artista e debuxante Rubén, forman un núcleo duro de estilo caribeño en Nova York. A deseñadora aparte de ter sido suxeito de dúas exposicións, foi moi celebrada por ter vestido a Michelle Obama dende o ano 2009, en varias ocasións. Ela é o exemplo da tradición de elegancia e saber facer dos cubanos. Entre París, Nova York e La Habana, xogo de donas.      

Román Padín Otero

No hay comentarios:

Publicar un comentario