viernes, 27 de enero de 2017

Viktor&Rolf Australia FV 26.1.2017



Artistas de moda.
Unha exposición dedicada á parella de deseñadores holandeses Viktor & Rolf na National Gallery of Victoria, en Melbourne, Australia, encerra moitas claves para entender o momento cultural que vivimos. Un tempo no que aparece unha nova especie de creadores que fan arte que é moda, cando non fan moda considerada arte. Deseñando pezas e obxectos que se expoñen alén os espazos comerciais, simplemente para o lecer. Alcanzando o interese pola creación en novos soportes, como o téxtil, cotas de fenómeno de masas.   
Nesta exposición de arte-moda, baixo o título Viktor&Rolf Fashion Artists preséntanse máis de 40 traxes de costura e confección que representan 25 anos de traballo. Pois a mostra coincide coas boas de prata da firma de moda.
Dende os seus inicios a crítica pregunta sobre a natureza do traballo destes deseñadores, que se coloca a medio camiño entre o arte e a moda. Teñen unha maneira non convencional de tratar a moda, facendo alta costura experimental que leva as pezas a extremos que as fai impoñibles. As súas presentacións e desfiles, teñen natureza teatral e mesmo entran no eido da performance, cando os propios deseñadores participan nelas expresando partes do seu traballo creativo. Mesmo cando fan roupa comercial, aparece esta apoiada no concepto, na sorpresa e na orixinalidade. Son deseñadores con unha excelente manufactura, grande ironía no seu discurso e sentido do humor.  
Moitas das súas pezas emblemáticas están na exposición. Traxes con furados como de queixo; lazos do tamaño do vestido; conxuntos integralmente negros; traxes feitos con lenzos e marcos dos grandes mestres holandeses do XVII que son deconstruídos; traxes cubistas; traxes superpostos; traxes cama; traxes con zocos holandeses de tacón. 
Xa no ano 1994, presentan traxes dourados colgados do teito dunha galería en Paris, baixo o nome L´Apparance du vide. No 1996, coa colección Launch, fan un micro mundo con monecas de tamaño natural mostrando as roupas. No outono-inverno 1998-1999, presentaron a súa primeira colección de alta costura, coas siluetas deformadas amosando preocupación por unha bomba atómica de fin de milenio, Atomic Bomb Collection.
Na primavera-verán 1999, presentaron unha colección de gazar branco e negro baixo luz negra. Ó poñer plena luz aparecía outra silueta, era Scream and Whispers.
A colección outono inverno 1999, Russian Doll, presentárona coa modelo Maggie Rizer, quen nunha plataforma xiratoria recibía capas de roupa como unha matrioska vestida polos deseñadores.
No 2000 empezaron colecciones de confección, a primeira con temática americana de estrelas e barras. A colección outono inverno 2001, Black Hole, era enteiramente negra e as modelos estaban pintadas de negro. En outono-inverno 2002-2003, usaron o blue-screen, para proxectar imaxes sobre os modelos, en Long Live the Inmaterial. No 2003, presentaron a súa primeira colección de home. No outono inverno 2003, One Woman Show, a totalidade da colección construíuse a redor da actriz Tilda Swinton, con modelos de cabelos vermellos como a propia actriz. Na primavera 2005, crean o seu primeiro perfume  cun nome irónico, bomba de flores, Flowerbomb. Na primavera-verano 2006, a teima da colección era, todo, boca abaixo, e mesmo en esa datas inauguraron unha tenda onde todo estaba ó revés, mesmo a lámpada de cristais arrancaba do chan.     
En datas recentes non deixan de poñer en relación á moda coas artes clásicas. No desfile primavera-verán 2015, puxeron como modelos ás bailarinas do bailarinas do Dutch National Ballet. E no                                                                                                           outono-inverno 2015-2016, homenaxearon o cadro dentro do cadro, nun desfile no Palais de Tokyo, con vestidos feitos con lenzos deconstruídos do século de ouro holandés. Na primavera-verán 2016, fixeron unha homenaxe ó cubismo e ás vangardas, con 22 conxuntos que citaban a Pablo Picasso, Dora Maar,  George Braque e os recortables de Henri Matisse.
Viktor & Rolf con esta exposición, acercan ó público a moda de artista. A moda como espectáculo para ver e non como mercancía.





Transversalidade intertextual.
O dúo holandés formado por Viktor Horsting e Rolf Snoeren, ámbolos dous nados en 1966, coñecéronse na Academia de Arte de Arnhem en Holanda, no 1988. Gañaron o premio do concurso de Hyères, Salon Européen des Jeunes Stylistes, en 1993, e trasladáronse a París, dende onde seguen a crear deseños de costura e confección, complexos e tecnicamente ambiciosos.
Teñen participado en exposicións en moitos museos do mundo, entre eles o Les Arts Décoratifs de París o Metropolitan Museum de Nova York ou o Boijmans van Beuningen de Róterdam. Teñen asemade colaborado coa escena, no 2004, con vestiario para o ballet, 2 Lips and Dancers and Space do Netherlands Dance Theatre. E vestiario para a ópera Der Freischutz de Carl María von Weber, dirixido por Robert Wilson, no 2009.
A presente exposición Viktor & Rolf, Fashion Artists, está comisariada polo ex modelo, Thierry-Maxime Loriot, quien tiña comisariado a exposición itinerante de Jean Paul Gaultier, Universo de la Moda. De la Calle a las Estrellas, que recalara en Madrid na Fundación Mapfre no ano 2012.  Cuxos montaxes se caracterizan pola espectacularidade dos recursos que os converten en auténticos divertimentos de masas.  
A mostra ademais de expor os modelos creados pola parella de deseñadores, presenta varias seccións dedicadas o aspecto audiovisual e performativo destes creadores. Recollendo a peza creada ex profeso para a mostra Timepiece. E moitos momentos icónicos na carreira dos modistos, como as colaboracións coa actriz e modelo, Tilda Swinton. Cos cantantes Tori Amos, Rufus Wainwright, Róisín Murphy e outros.
Ademais dos modelos en tamaño natural, hai 21 monecas pequenas mostran un traxe clave de cada colección. Estas pequenas modelos son empregadas na historia da moda dende o século XVIII, cando se enviaban alén as fronteiras francesas para mostrar a moda de París nas cortes estranxeiras. Logo no século XX, foi Madeleine Vionnet (1876-1975), a modista de alta costura, quen difundiu a súa imaxe creando os modelos sobre pequenas monequiñas. No ano 2008, a exposición The House of Viktor&Rolf, celebrada na Barbican Art Gallery, de Londres, recreaba unha casa de monecas, onde cada unha delas levaba unha reprodución en miniatura dos máis célebres modelos dos deseñadores Viktor&Rolf. Dando daquela cumprida conta da tradición na moda das chamadas popuées de mode. Unha cuestión clásica convertida en divertimento de vangarda.

Román Padín Otero

No hay comentarios:

Publicar un comentario