jueves, 23 de febrero de 2017

Balenciaga au noir 23.2.2017 FV







Balenciaga: a obra en negro
O museo Galliera de Paris vai dedicar unha exposición ó modisto vasco Cristóbal Balenciaga (1895-1972), baixo o título Balenciaga l´oeuvre au noir vanse mostrar a redor de 100 vestidos cuxo fío de conexión é que están feitos en cor negra.
Non é a primeira vez que o museo Galliera dedica unha mostra a Balenciaga pois a importancia da súa obra e a diversidade de fontes das que toma inspiración permiten facer dela múltiples lecturas. Outras exposicións deron unha visión retrospectiva integral da produción do modisto, algunhas se centraron na relación do creador con España. Tamén se estudou o perfil coleccionista de Balenciaga ou o emprego dalgún material concreto como o encaixe ou as creacións de accesorios e chapeus na casa de costura.  Cada nova exposición neste museo de París ou noutras institucións  permite descubrir novas perspectivas do nutrido universo estético deste gran modisto.
Desta volta o director artístico da exposición e do museo Olivier Saillard, logo de visitar os fondos do museo del Traje CIPE de Madrid, caeu na conta da importancia da cor negra na indumentaria española (dende os retratos da casa de Austria, até o emprego do acibeche e veludo nos traxes folclóricos do século XIX e XX, pasando polos encaixes e madroños dos traxes goyescos e da capa española, todos eles fundamental e reiteradamente empregan a cor negra). E recoñeceu asemade como moitos períodos creativos de Balenciaga estaban dominados pola cor negra, facendo dela un argumento creativo, até o extremo de servires de leitmotiv para un estudo sectorial da obra do modisto. O negro resume non soamente o espectro do estilo español no universo de Balenciaga se non que é tamén un fito de sinxeleza dentro das liñas máis conceptuais do modisto.
A silueta infanta de 1939 ou tamén chamada diabolo, atopa no negro un elemento de referencia, cando toma prestados aspectos dos cadros de Velázquez e recrea o espírito monacal dos hábitos dos cadros barrocos. Esta silueta é apreciada por moitos como un adianto de que case 10 anos despois habería de conformar a do chamado new look de Christian Dior quen alcanzou fama mundial no ano 1947 cunha nova silueta con ombreiros caídos e faixa e saia de moito volume baixo o nome Corolle. Pois esa silueta en certo modo nostálxica, fora de feito proposta por Balenciaga antes da guerra mundial mentres que a fama do novo estilo cargado de feminidade e metros de telas de Dior tivo suceso logo da guerra.
No tempo que Dior triunfaba co seu estilo retro, Balenciaga adiantábase ós minimalistas da moda da década  dos anos 1980 presentando a silueta barril de 1947,que contaba con forte presenza da cor negra e que outorgaba importancia ós ombreiros, ó pescozo de cisne e ás cadeiras aportando á muller un xeito de vestido máis contemporáneo, cómodo e visionario.
O negro serviu tamén de soporte para numerosos dos modelos creados coa silueta balón de 1950, que era unha evolución dos traxes sen marcar a cintura de anos anteriores e que desta volta tomaban maior volume, case que anunciando o que logo serían os vestidiños baby doll de formas redondeadas e volantes.
As liñas semi axustada de 1951, túnica de 1955, vestido-saco de 1957, seguen nunha estética simple e esencial que resulta visionaria da forma contemporánea do vestido feminino apoiado na comodidade e a pureza de liñas con emprego frecuente da non cor ou do negro en tódalas súas posibilidades.
Pois a cor negra non é única cando se fala de tecidos se non que cada textura cada corte en diagonal ou ó dereito, crea novas tonalidades dentro do negro que non sempre é absoluto se non que conta con diferentes sombras, todas elas recreadas polos vestidos arquitectónicos de Cristóbal Balenciaga, que agora se presentan nunha estudada selección nesta exposición do museo Galliera. Compre subliñar que a mostra non se alberga no edificio do museo se non nas instalacións do museo Bourdelle un espazo dedicado ó recoñecido escultor francés que serve para o diálogo coa moda con relativa frecuencia.

O sentimento dunha cor
A importancia da obra de Cristóbal Balenciaga é de tal magnitude que os libros e reportaxes que se teñen realizado sobre a súa figura están centrados fundamentalmente no traballo do modisto e conteñen poucos datos sobre a vida privada do home, quen por outro lado, facía gala dunha enorme reserva en todo o referido á súa intimidade.
Hai nembargante algunhas partes da súa vida que transcenden á obra. Como por exemplo os traxes de mariñeiro da costa vasca da súa infancia que acertan a aparecen evocados en tocados ou traxes de noiva de varios momentos da súa carreira. Aparecen tamén trasladada á súa obra a súa relixiosidade, o seu gusto pola austeridade e o seu interese pola historia da arte, especialmente a arte española dos grandes mestres.
Unha parte lutuosa que se trasladou á súa carreira como modisto foi no pasamento de Wladzio d´Attainville. Este aristócrata polaco-francés, que tiña moitas e boas conexións sociais foi  un apoio fundamental para abrir a casa de alta costura de Balenciaga en París na avenida Georges V, e tamén era a persoa con quen Cristóbal o home, compartía a súa vida.  Estaban xa xuntos na época de San Sebastián e seguiron en parella até despois da segunda guerra mundial. Era un cabaleiro moi elegante, educado e tremendamente brillante que complementaba á perfección o carácter adusto de Balenciaga. Ámbolos dous tiñan un círculo de amizades que incluían a Cecil Beaton, á periodista americana do Harper´s Bazaar Carmel Snow e ó poeta artista Jean Cocteau. Os dous coleccionaban arte e asistían a reunións de sociedade aparte de compartir traballo na casa de alta costura.

Cando Wladzio d´Attainville morreu en Madrid en 1948 o golpe para  Cristóbal Balenciaga foi absoluto e parece que xamais se recuperou de todo. A colección de ese ano 1948 foi enteiramente negra impoñendo á tódalas donas o loto como uniforme. Un estilo certamente minimalista que habería de manter até o peche da súa empresa no 1968. Ese negro verdadeiro estará por sempre presente nas coleccións de Balenciaga, na selección desta exposición e na vida de moitas donas, mesmo as que non foran clientas do mestre de mestres.
Román Padín Otero

No hay comentarios:

Publicar un comentario