jueves, 31 de mayo de 2018

AZZEDINE ALAÏA: THE COUTURIER FV 31.5.2018






Azzedine Alaïa: O Modisto
Non se pode escribir a historia da moda dos derradeiros 50 anos sen citar a catro creadores do prêt-à-porter de luxo, Thierry Mugler, Claude Montana, Jean Paul Gaultier e Azzedine Alaïa. Eles conformaron unha vangarda áxil no mundo do deseño fronte ó estatismo das grandes casas de alta costura parisina. Con eles o mundo deuse conta de que había outras formas de moda, máis diversa, audaz, contemporánea, investigadora do corpo, feita en serie, con halo de exclusividade e percibida como unha forma de arte que ía marcar a época postmoderna.  A un de ese catro modistos estáselle a dedicar unha exposición monográfica en The Design Museum en Londres.
Azzedine Alaïa The Couturier inaugurouse no mes de maio e ficará aberta até outubro. Trátase dun proxecto de mostra que foi concibido polo modisto xunto ó comisario Mark Wilson quen é chief curator no The Groninger Museum en Holanda. A exposición por mor do destino tense convertido nunha homenaxe póstuma pois Azzedine Alaïa faleceu de súpeto en novembro pasado, procurando notable conmoción no mundo das artes.
En xaneiro deste ano inauguraba a exposición Azzedine Alaïa Je Suis Couturier no fermoso edificio propiedade do creador na rue de la Verrerie  no Marais de Paris. O inmoble que era as veces fogar, taller, tenda, sala de exposición e enderezo para a pasarela das creacións do deseñador  tunesino sirve de museo temporal para case que medio cento dos traxes saídos das mans do modisto. Esta mostra está comisariada polo que fora director do Palais Galliera de Paris até hai pouco, Olivier Saillard e permanecerá aberta até xuño. Son pois dúas as homenaxes paralelas que se lle fan ó modisto e ámbalas dúas están a convocar a moito público e serviron para reunir ó incondicionais, amigos, musas e artistas asiduos no mundo de Alaïa.  
Para o público galego e español quizais non sexa moi coñecida a súa figura fronte ós outros célebres deseñadores dos anos oitenta. Mugler é familiar polo seu perfume Angel; Gaultier é moi célebre polas roupas para Madonna, as saias para home e os seus perfumes; Montana quizais algo esquecido polo tempo pero é recordado tamén polo seu perfume, polas coleccións de alta costura que fixo para Lanvin, e polos abrigos e chapeus de cor azul Klein que deseñou para Grace Jones. Esta actriz e cantante de aspecto atlético foi tamén unha das célebres clientas e musas de Alaïa. A súa silueta de xerro grego embutida nun traxe de tiras elásticas de cor violeta con carrapucha, é quizais a más memorable das siluetas do deseñador.
Nado en Tunisia en 1940 trasladouse a París traballando en Dior, tan solo cinco días! E logo en Guy Laroche durante dous anos, para ter despois un singular oficio. O de modista interno da Condesa de Blégiers entre 1960 e 1965, para despois ter o seu propio negocio en Rue de Bellechasse, onde comeza a grande sona do modisto. Polo seu atelier pasa Zsa Zsa Gabor, Arletti, Cécile de Rothchild e Louise de Vilmorin entre outras. Logo no ano 1979 apareceron as súas creacións en ELLE Magazine e dende 1981 creou a súa propia liña.
Alaïa foi dos primeiros en propoñer as viscosas, fixo vestidos, maias e chaquetas de coiro esculpido, bustiers que eran apertados e sexys, roupa que non tiña complexos e salientaba as formas redondeadas dos corpos das mulleres. En contra doutros deseñadores que concibían os traxes colgando dos ombreiros os traxes de Alaïa empregan o corpo, a cintura, as cadeiras, a totalidade do corpo como soporte para os traxes. As donas co corpo adoitado adoraban os seus vestidos, como por exemplo Tina Turner quen foi unha das súas clientas que empregaba os seus traxes mini con polisón marcando as costas e o cu. Deseñaba para unha nova dona poderosa, segura de si mesma o con fermosos tecidos, acabados e cores. A lista das súas clientas e musas inclúen a Farida Khelfa, quen non soamente desfilaba para el con ese xesto un pouco distante que a caracterizaba, se non que tamén levaba a súa roupa nas rúas, e recentemente logo do pasamento do modista asistiu e encabezou moitas das homenaxes ó creador entre elas as exposicións de París e a de Londres. Paloma Picasso foi tamén amiga e clienta, formando parte dun ambiente de artes e artistas onde a pintura de por exemplo Julian Schnabel decoraba cos seus cadros de pratos rotos os ateliers do modisto, mentres este drapeaba sobre o corpo da modelo un traxe. A figura de Alaïa está na tradición do modisto coleccionista de arte e rodeado de artistas como o fora Poiret ou Doucet. E está tamén na tradición da alta costura con un mestre que sabe confeccionar el mesmo a totalidade do modelo pois coñece a xastrería, o drapeado, o corte, sendo á vez  innovador nas formas.

Supermulleres.
Sendo unha figura tan senlleira pódese entender que non son estas dúas exposicións en Londres e París as primeiras que se lle dedican ó modisto. No ano 1998 xa expuxera no Groninger Museum, onde habería de recuncar no 2011, cunha instalación futurista creada por Mark Wilson.
Expuso asemade en lugares históricos. No ano 1996 o Palazzo Crosini de Florencia albergou as súas creación. E no ano 2015 a Gallería Borghese de Roma presentou unha mostra na que os traxes de Alaïa dialogaban cos frescos e as esculturas marmóreas do templo das artes romano.
O Palais Galliera de Paris dedicou asemade unha grande e ben estruturada monográfica no ano 2013 que reuniu as toda a elite artística e cultural da capital Francesa e tivo moita sona entre o público.
A montaxe das exposicións de Azzedine Alaïa caracterízanse por mostrar os corpiños dos vestidos sobre saias que duplican ou triplican a súa lonxitude real. Daquela asistimos á visión duns corpos de supermulleres asentados sobre escultóricas bases que permiten percibir o conxunto cun poderoso efecto de verticalidade formal case que grecoromano que pode recordar á cariátides do templo homónimo na Acrópoles de Atenas. Xunta estes modelos hai outros que reproducen o modelo real cun aumento global dun aproximadamente 30% o que as converte en formas de verdadeiras proporcións de escultura pública.
En Londres case que medio cento de modelos responden a esta estrutura de hiperdimensión lonxitudinal e aparecen apoiados sobre bases metálicas de acabado brillante e fermoso. Creando un efecto poético que semella proxectar ás donas que Azzedine Alaïa tanto amou cara as estrelas nas que el as convertía. Alaïa o máis pequeno do grandes couturiers está agora entre as estrelas.
Román Padín Otero



No hay comentarios:

Publicar un comentario