viernes, 29 de junio de 2018

Football&Fashion vestindo a Hércules FV 28.6.2018






Fútbol e Moda
Son moitos os deseñadores que se inspiran no fenómeno de masas que é o fútbol para faceren as súas coleccións e non son poucos os xogadores que aparecen retratados nos medios de comunicación como auténticos fanáticos da moda. Éstes e outros extremos do xogo entre moda e fútbol recóllense nunha exposición que se está a celebrar en Florencia.                             
Fanatic Feelings Fashion Plays Footbal celébrase coincidindo co salón Pitti Uomo de Florencia que é unha grande feira dedicada á moda, na que miles de empresas de todo o mundo veñen expoñendo as súas coleccións dende hai 94 edicións e onde se celebran desfiles, se convocan roldas de prensa e se celebran exposicións e conferencias a redor da moda e os seus ámbitos. É unha gran cita comercial que ten aumentado a súa influencia sobre outros ámbitos abranguendo o eido cultural dun xeito manifesto. Daquela co gallo da cita comercial atopamos en Florencia cada tempada destacadas novidades artísticas, musicais, literarias e de pensamento.      
Este ano coincide ademais co Mundial de Fútbol en Rusia así que a teima da moda e o sport está aínda si cabe máis en primeira liña. A construción do imaxinario masculino atopa un espazo principal no deporte ó redor do cal gravitan moitos dos carácteres que de xeito tópico procuran os varóns para a definición do seu aspecto e personalidade. Vigor, fortaleza, afán competitivo mesmo belicoso, fortuna, beleza son algunhas das caras do heroe que triúnfa no fútbol e por ende son o desiderátum das hordas de afeccionados e seguidores dese espectáculo e dos seus protagonistas. Os novos Hércules coas súas doce probas son os futbolistas.
Os comisarios da mostra Markus Ebner, fundador en Alemaña das revistas Achtung Mode e Sepp Football Fashion e o crítico de arte contemporánea Francesco Bonami, frecuente colaborador nas salas de exposición de Fortezza da Basso, e recoñecido director de Flash Art Magazine  agás de ter comisariado mostras dende na WhiteChapel Art Gallery de Londres até o Musée d´Art Moderne de la Ville de Paris pasando polo comisariado da Biennale di Venezia en 2003, teñen convocado a un heteroxéneo elenco de artistas, cineastas e deseñadores para argumentar a súa tese sobre a definición da moda masculina da man do deporte por medio desta mostra.
Os debuxos e fotografías de Karl Lagerfeld director artístico de Chanel. creador interdisciplinar e artista todoterreo presentan unha visión romántica e heterodoxa dos ídolos do deporte. Xunta eles o desmitificador filme de Philippe Parreno e Douglas Gordon A 21st Century Portrait que recolle un partido de Zinédine Zidane filmando soamente e totalmente o xogo do deportista ó longo do partido, recollendo moitos momentos de desánimo, fatiga e espera, da unha visión fráxil dun heroe no campo de batalla.
Hai proxectos específicos feitos para a mostra que percorre a vida dalgúns dos meirandes xogadores europeos como George Best, Eric Cantona ou o campión do Torino, Gigi Meroni. Noutra sección se fai un desenvolvemento da moda Street Wear da man de moitos dos seus máis senlleiros representantes que, non se esquece, son profesionais do fútbol. David Beckham, Neymar, Franck Ribéry son algúns dos deportistas convertidos en modelos.
A moda de home está a pasar por un momento onde se mestura a vixencia dunha nova xastrería, xunta o auxe da roupa deportiva, da roupa informal e da roupa levada de xeito espontáneo ou de estilo na rúa. A exposición afondará sobre novas posibilidades para o armario dos homes como por exemplo a de levares a camiseta do noso equipo favorito debaixo dun abrigo ou unha chaqueta de xeito informal.
Tanto a moda como o fútbol comparten un certo discurso expresivo inmediato e un aspecto fortemente emotivo, a moda con desfiles de conspicua brevidade e o fútbol cunha cesura emocional que se mantén nun infinito de tan só 90 minutos pero que se prolonga durante todo o campionato.             
Trátase dun proxecto expositivo que afunde a moda coa súa elegancia e beleza, xunto á socioloxía da fama e a popularidade inherente no fútbol. Salientando a un tipo de home do século XXI ancorado na individualidade e o individualismo. Un  heroe postmoderno protagonista dun novo relato na sociedade que subliña o presente inmediato, o suceso do partido hoxe e agora, fronte a calquera pasado ou futuro. Un relato onde non conta nin o país de orixe, nin a cor ou relixión do persoeiro se non que prima o seu éxito hedonista. No que o idioma e o xogo e a canle son os medios de comunicación. Estas e outras son características que corresponden de seu tanto a moda como o deporte, os estadios son as novas catedrais, a moda é a súa aliada.

O estilo sport
Un dos deseñadores que con máis fincapé emprega o universo do fútbol para recrear o seu propio é o belga Dirk Bikkembergs. Quen ven deseñando zapatillas deportivas con forte carácter e personalidade inspiradas nas botas de cravos de xogo en herba dende hai máis de vinte anos. Ademais  centra as súas coleccións na vestimenta deportiva ou de inspiración sport e mesmo ten convocado a atletas para seres a imaxe das súas campañas de publicidade. O xogador do Atletic de Bilbao, Aitor Ocio, foi dunha volta retratado para a campaña de publicidade da firma, o mesmo que os membros do F.C. Fossombrone,  oriúndo da vila onde está localizada a empresa.
Máis quizás a máis singular das colaboracións da firma co eido do fútbol aconteceu en 2009 cando, crearon un apartamento para o defensa do Brera F.C., Andrea Vasa. A acción consistiu en converter un establecemento comercial a ras de rúa nun escaparate ou sala de museo onde expuñan as creacións do deseñador convivindo co futbolista facendo as accións cotiás. O público podía visitar as habitacións e mesmo camiñar entre os obxectos de uso cotiá do xogador cando non atopar de cara ó mesmísimo futbolista saíndo da ducha!.
Outras exposicións alén da exposición relacionando fútbol e moda ou sport e moda, foron a mostra de Raf Simons na Biennale de Firenze do ano 1998, titulada 2001 minus 3, na que un grupo de adolescentes vivía nun apartamento instalado na Stazione Leopolda, vestidos con estética sport e facendo a vida cotiá propia dun rapaz de curta idade.
A mostra Smarter, Faster, Tougher foi celebrada no Toronto Design Museum no ano 2015 co gallo dos Panam Games. E coincidindo cos Xogos Olímpicos de Londres no 2012 o Design Museum de Londres presentou Design to Win e o Fashion Museum de Bath expuso Sport & Fashion.
A moda deportiva invade o noso armario, os futbolistas son os nosos modelos e os museos dedican as súas exposicións ó fútbol. O fanatismo do fútbol ou da vida postmoderna.
Román Padín Otero.     



No hay comentarios:

Publicar un comentario