sábado, 2 de febrero de 2019

O tempo para novos soños FV 31/1/2019











O TEMPO PARA NOVOS SOÑOS
O deseño, a arte e a moda fannos soñar, e son numerosos os creadores que abranguen as tres disciplinas ó tempo. Os graduados das escolas de arte e moda en Galicia e noutras partes do mundo son quen de incorporar valor engadido ó mercado coa súa creatividade e innovacións técnicas. Hoxe non hai rendibilidade na produción made in Europe sen deseño de autor, esa creatividade outorga diferenciación e xustifica o prezo.
Daquela apoiar ós deseñadores/artistas emerxentes é esencial. As pasarelas de graduación con presenza de profesionais, os concursos con dotación económica, as prácticas remuneradas, a incorporación da moda á programación cultural e dos museos, son o camiño para empurrar a industria e o mercado.
Un caso senlleiro de talento novel recibido polo mercado e a escena creativa é o de Grace Wales Bonner, que se formou na Saint Martins Central  de Londres e quen antes de traballar na súa propia firma foi contratada por Humberto Leon e Carol Lim de Opening Ceremony, quen tamén son deseñadores da firma Kenzo
  A deseñadora de orixe británico (nai branca e pai xamaicano) desenrola múltiples proxectos en diversos ámbitos (deseño de moda, dirección de films, happenings, comisariados, creación artística, conferenciante, fashion scholar). Arestora  presenta nas Serpentine Galleries de Londres a mostra Time for New Dreams. Unha exposición que  explora o misticismo e as resonancias rituais e máxicas nas prácticas culturais e estéticas negras. Explórase o santuario como un camiño simbólico para imaxinar diferentes mundos e posibilidades. Conta tamén con traballos de outros creadores individuais e colectivos e inclúe numerosos happenings e perfomances nas que participa o público. A mostra remata o 16 de febreiro co desfile da colección de Wales Bonner outono inverno 2019 titulada MUMBO JUMBO. A mestizaxe cultural e a elegancia de certo clasicismo revisado son unha constante nos seus deseños que non exentos de ironía e sátira, teñen estado inspirados dalgunha volta sobre o emperador de Etiopía, Haile Selassie.
Grace Wales Bonner,  fíxose popular no 2016 cando gañou o concurso internacional de moda Louis Vuitton Möet Hennessy en Francia que está dotado con 300.000 euros e prácticas no grupo (hai asemade tres premios para estudantes de 10.000 euros). O importante premio existe dende 2013, e naceu para celebrar e apoiar (con cartos) a deseñadores de todo o mundo.  Conta entre ós seus laureados con Shayne Oliver de Hood by Hair; Simon Porte Jacquemus da firma Jacquemus; Marine Serre da firma homónima. Algúns membros do xurado teñen sido Karl Lagerfeld, Maria Grazia Chiuri, Marc Jacobs, Raf Simons, Nicolás Ghesquière.
Daquela o deseñadores galardoados neste certame LVMH, teñen talento e respiran vangarda, e acadan posición no mercado co prestixio de seres laureados pero tamén coa axuda dos cartos do premio que permite traballar.
Outro caso senlleiro de novo talento recibido polo sistema da arte e o mercado é a deseñadora e artista Sheila Pazos, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e con dous Máster, un en Madrid e outro en ESDEMGA, Pontevedra. Ten acadados numerosos premios, entre eles o de Debut no 2015. E ten feito prácticas co prestixioso dúo de deseñadores Viktor&Rolf. A súa colección Artificial Landscapes se presentou no Ego de MBMFW en Madrid no 2016, e este ano 2019 está por segunda vez a vender as pezas da súa colección no showroom do Ego. As súas prendas tamén se poden mercar on line, e aparte de deseñar, crea con fotografía, participa en certames, e traballa en múltiples proxectos.  Como na exposición colectiva Especulacións Utópicas. Interseccións entre Moda e Arte Arredor do Corpo que se desenrola neste inverno en Santiago de Compostela na sala de exposicións do Colexio de Fonseca. Unha mostra comisariada por Lola Dopico que reúne os traballos de 26 artistas (Teresa Búa, María Castellanos, José Cortizo, Isabel Mastache, entre outros) no ámbito da moda e dos artefactos escultóricos para o corpo cun nexo común, todos eles son formados na ESDEMGA, Escola de Moda de Galicia. 
Outra creadora a subliñar neste 2019 é Melania Freire quen ven de gañar o premio Ego MBMFW coa súa colección Me Compré una Postal de David Hockney na que presenta unhas siluetas lixeiras con estampados feitos a partir de cadros e memorabilia do famoso pintor británico. É ademais deseñadora de vestiario de cine; docente, investigadora; ten presenza en numerosas exposicións individuais e colectivas; ten comisariado unha mostra de arte téxtil; foi premiada e fixo prácticas e residencias entre outros co modista belga Christian Wijnants. Traballa ademais como deseñadora de moda no departamento Zara Basic. O premio na pasarela de Madrid posibilita que desfile en Praga en próximas datas.     
Os mercados e as artes
Os exemplos de novos creadores incorporándose á escena profesional no mercado español é peculiarmente diferente do que acontece noutros mercados europeos. As características de conxunto son dunha situación de estares moi receptivos no eido profesional para os novos creadores en Francia e Reino Unido, mesmo tamén en Italia. Onde as corporacións de moda se apoian no valor engadido do deseño de autor, con premios pecuniarios nos concursos, inclusión da moda nos museos e participación das empresas na formación.
En Francia o premio LVMH está dotado con 300.000 euros para facilitar o traballo futuro dos novos deseñadores. En Francia tamén o Festival de Hyères ten dotación, e de entre os seus laureados xorden senlleiros profesionais como Viktor&Rolf ou Yiqing Yin. Eses concursos están apoiados por grandes empresas (Chanel, Hermés) que teñen ó deseño como razón primeira para ó bo rendemento coa diferenciación de produto.
Pola contra en España os concursos máis prestixiosos como o do Ego Mercedes Benz Madrid Fashion Week, non ten dotación económica, salvo na rama tecnolóxica. Os museos non están voluntariosos a programar moda, salvo nos espazos expositivos destinados á moda (e as puntuais mostras de Fundación Mapfre e Museo Nacional Thyssen-Bornemisza). As empresas miran con reserva a remuneración de novos creativos entre os seus empregados e prefiren explotar ós bolseiros. Os laureados dos premios en Madrid solen incorporarse ou pertencer ós equipos de grandes empresas de retailing como Inditex, Pronovias, e ás veces seguen a manter os seus pequenos proxectos de deseño-arte que teñen unha evolución non moi rápida e máis ben custosa para os creadores por causa da ausencia de facilidade no financiamento.
Os grandes axentes da creación son nosos días os grandes vendedores e os que procuran os máis grandes beneficios. Estratexias disruptivas ou volatilidade na publicidade en redes sociais son as armas que usan os mellores vendedores. Arte, moda, deseño no capitalismo estético.           
Román Padín Otero



No hay comentarios:

Publicar un comentario