jueves, 28 de febrero de 2019

Tapices E Montero y Seoane FV 28.2.19







Tecendo a historia. Arte téxtil
Unha exposición dedicada a un moi relevante conxunto de tapices dos anos 1970 asinados por Luís Seoane xunto a Elena Montero (E.M.), está aberta en Santiago de Compostela na Fundación Didac. É unha oportunidade para poñer en valor as artes téxtiles, ás que non se lles presta moita atención, pero que son de fonda tradición na península Ibérica, e de evidente vangarda e innovación en Europa.
A Fundación Didac está a programar o ciclo de conferencias, publicacións e exposicións Galicia un Século de Creación 1916-2016. Un conxunto de actividades con amplas miras onde se tenta de abranguer tódalas formas de expresión artística e cultural que tiveron de marcar o camiño da cultura e a sociedade na Galiza nos derradeiros 100 anos. Subliñando a participación dos galegos na cambiante escena política dos séculos XX e XXI, e salientando as recepcións no ámbito creativo, artístico e do pensamento dos máis axiais acontecementos sociais, políticos e científicos que marcaron e están a marcar a época.
Cuestións como as das migracións, as liberdades e dereitos, como a liberdade de expresión ou os dereitos civís das mulleres teñen moita pegada na forma creativa e nas liñas de pensamento desta longa época. Todo elo vaise chamando a colación na profusa programación que a Didac está a debullar sen presa pero sen pausa ó longo deste ano e dos pasados, nas súas instalación e tamén facendo colaboracións con outras institucións da cidade. Como ten sido o caso coa Fundación Granell e como está a ser desta volta co Auditorio de Galicia.
A exposición María Elena Montero e Luís Seoane. Tecendo a Historia, pódese visitar na Didac e ten un pendant ou ampliación “ó outro lado do espello” no Auditorio de Galicia onde se acolle Formas do Deseño. Galicia XXI. Ámbalas dúas ofrecen unha visión da modernidade e postmodernidade nas linguaxes culturais, concretamente no deseño de produto, téxtil, artístico, industrial ou gráfico. E tentan de recoller por medio dunha selección de obras, as intermitencias das sensibilidades e do mercado coexistentes no latexante cotío do país Galego.
 Os tapices expostos son froito dun traballo conxunto entre o artista e intelectual, Luís Seoane, que daquela estaba fora de Galicia, na Arxentina,  e María Elena Montero quen desenrolaba o seu ámbito na creación artesá en terras galegas, en Sada. O artista mandaba os cartóns xunta á indicación do pantone de cor. Colaboraba na elección das las e as cores viaxando conxuntamente coa tecedora até Astorga. E María Elena facía o tecido, cun tear de alto lizo que construíra o seu compañeiro José Luís Vázquez Freire. E segundo ela, así era o traballo, facendo, facendo…
Os tapices creados a finais dos anos 1970, están asinados polos dous creadores Seoane e E.M., foron mostrados no seu conxunto dunha primeira volta, hai 40 anos , en 1979 na decana galería Citania de Santiago de Compostela, xa cando falecera Luís Seoane. Agora na Didac é pois a segunda volta na que se mostran no seu conxunto.  
As temáticas dos tapices subliñan o interese de Luís Seoane polo románico, a historia de Galicia, os mitos e lendas. Mulleres, santos, paxaros, campesiños, leiteiras, barcas, nubeiros, chapeus, panos, pes calzados e espidos. Teimas frecuentes no imaxinario da arte de Seoane que trae a colación para estas obras.
As historias de Galicia como Batalla dos Irmandiños, Pedro Madruga e o Bispo de Tui, San Ero de Armenteira, aparecen narrados nos tapices, xunto a outros persoeiros do mundo rural galego que ocupan con frecuencia o espazo pictórico de Seoane. As pezas teñen uns tamaños que oscilan entre 120x150 cms, 150x120 cms, 200x120cms, 150x80 cms, 120x80cms.
O estilo de Seoane que combina bloques de cor con liñas perfilando detalles como mans, siluetas, narices, ollos, beizos, sombras, aparece asemade nos tapices. Trasladando as formas xeométricas, herdeiras dun románico poético, dun cubismo de salón, dun estilo do deseño gráfico dos anos 1950, ó soporte no tecido de lá. Onde a textura é outra, a parte háptica cobra relevancia e a homoxeneidade da cor é distinta que na pintura. Daquela a obra enriquecese cunha nova perspectiva, outro eido físico que amplía a súa representación nun locus amoenus que incorpora un elemento físico, téxtil, tridimensional.
A fortuna vennos traer esta exposición arestora, que estamos, nun período de posta en valor do téxtil, da moda, dos novos soportes nas artes e na ampliación das naturezas das formas das manifestacións culturais. E non por menos abrazamos ese arte téxtil e colaborativo co traballo dunha dona. En estudos recentes sobre a Bauhaus, escola da que se celebra este ano o seu centenario, se fai fincapé na evidencia de que na sociedade machista da época das vangardas o papel das mulleres nesa escola estaba pouco valorado, cando non sinxelamente trasposto. Hoxe son moi apreciadas as exposicións e estudos das mulleres artistas na Bauhaus, que sostiñan entre outros aspectos, os talleres de téxtil, como por exemplo Gunta Stölzl, Anni Albers, Gertrud Arndt, Benita Otte, Ida Kerkovius.
Foron asemade visionarias na creación téxtil a lexendaria Gabrielle Coco Chanel, Sonia Delaunay, Elsa Schiaparelli. Outra xeración de artistas que empregaron o téxtil abrangue a creadoras como Louise Bourgeois. En xeracións posteriores os traballos en téxtil de artistas como Alicia Framis, Joana Vasconcelos, Rei Kawakubo, poñen en evidencia a importancia de ese campo de expresión. (na pequena lista, mesturo de vontade ás artistas plásticas recoñecidas coas modistas recoñecidas).
Arte, téxtil, vangardas, colaboracións e donas creadoras, un feixe de teimas dos nosos días traídos á escena cultural galega da man do David Barro e o seu equipo na Didac, que neste proxecto sobre Seoane/E.M. conta coas expertas opinións de Carmela Montero.


Formas do deseño. Galicia XXI.        
           A parte da mostra que leva por nome Formas do Deseño. Galicia XXI, acóllese no Auditorio de Galicia. Está  comisariada asemade por David Barro e Mónica Maneiro, e abrangue un amplo abanico de eidos no deseño en Galicia (gráfico, industrial, estratéxico, multimedia, de moda…) feito entre as derradeiras décadas do século XX e o século XXI.
Ábrese a mostra con outro singular tapiz de Luís Seoane e Elena Montero que se exhibe a carón do seu cartón preparatorio. Para seguir cunha escolma de traballos de Isaac Díaz Pardo e Sargadelos e continuar con moitos nomes senlleiros en Galicia e no deseño nas décadas recentes, como Pepe Barro; Nuria Carballo; Alberte Permuy. Autores no eido da arquitectura como Alberto Noguerol e Pilar Díez; Xosé Bar Boo. Na gráfica Marcos Dopico; María Ramos. En creación cerámica e de obxecto o equipo Formabesta; Idoia Cuesta.
 No relativo ó deseño téxtil, a gráfica, a fotografía e publicacións relativas ó mesmo, compre subliñar a presenza das fotografías da campaña de la arruga es bella do ano 1983 asinada polo empresario deseñador Adolfo Domínguez, que fora producida e fotografada polo recentemente falecido Luís Carballo. É un notable exemplo de colaboración no eido creativo e industrial, grazas ó cal queda para a historia da arte, a moda e a industria unha das páxinas máis importantes da moda en Europa, a do espertar do deseño en Galicia, en España, no mundo coa postmodernidade.
Logo do traballo dos visionarios creadores de moda galegos dos anos 1980 baixo o grupo Galicia Moda, do cal se expoñen exemplares da revista homónima, que foi asemade un proxecto apoiado e desenrolado por Luís Carballo, aparece o traballo doutros creadores máis independentes e alleos ós grande grupos da venta masiva.
Poderían mencionarse outros, e na exposición con bo criterio refírese o traballo de dúas compañías que se caracterizan por ter unha forte identidade de produto e diferenciación. Tal é o caso da marca de roupa feminina  Masscob. E tamén da empresa estudo de deseño de roupas de punto, con estilo sinxelo e intelectual que é Knitbrary.
A mostra fai un sistemático e intenso repaso polo deseño das décadas recentes, no que se subliña a evidencia de Galicia como país-marca-produto. E se recoñecen moitos logros e se advirte o enorme potencial nas artes e o deseño do país galego.
Román Padín Otero



No hay comentarios:

Publicar un comentario