jueves, 11 de junio de 2020

O abismo da moda FV4. 6.20






O abismo na moda, perspectivas do consumo
Hai unha frase atribuída a Coco Chanel na que fala do seu amante na época, Hugh Grosvenor duque de Westminster. Dicía a modista que Westminster era o home máis elegante que coñecía, xamais mercaba roupa e mesmo ela lle zurcía os xerseis e lle mandaba remendar os zapatos.
Gabrielle  Chanel que era empresaria de moda, unha profesional en suma, tiña unha relación co vestiario francamente sentimental, a realidade da vida da muller apoiaba as súas creacións de moda. Non había nada de hipérbole nas súas modas, nin de incerto, nin de banal.   
Ela creaba roupa sinxela branca e negra, en recordo do seu colexio de monxas; gustaba do estilo de a cabalo en recordo ó seu amante Étienne Balsan; o emprego do tweed proviña da relación con Westminster; as cruces bizantinas e as cadeas douradas con perlas e pedras preciosas estaban inspiradas no seu amante o gran duque Dimitri Pavlovich Románov; a testa de león que decora moitas das prendas da modista estaba inspirada na Venecia visitada con Misia Sert.
Por non falar aquí do moi manido tema da liberación do corpo da muller propiciado polos deseños de Chanel. Pois evitaban as rixideces da Belle Époque e simplificaban formas e tecidos para construír a muller moderna. A dona para a que crea Chanel é a que traballaba, fai deporte, ten independencia e autonomía, non é un obxecto decorativo cheo de lazos, volantes, xoias, perrucas, faixas e saias con paneira que acompaña a un marido sen autonomía xurídica. Unha dona en suma como a propia Gabrielle (Coco) Chanel.
Esa herdanza de Chanel de muller moderna e autónoma, de estilo sinxelo, interesada na moda pero non escrava das tendencias, conservadora no gasto sen ser avara, cunha relación afectiva evidente cos obxectos da súa propiedade e co seu vestiario, está nos nosos días esquecida pola sociedade hipermoderna do capitalismo estético.  
Hoxe as sociedades son adictas ó consumo de bens baratos que usan e tiran. Roupas e obxectos carentes de calidade, con deseño banal, orixes incertas, causantes de grande contaminación e producidos con violación dos dereitos humanos. A moda na contemporaneidade tornou en ser unha adoración do castrón d´ouro para uns pobos dun mundo no capitalismo estético que renuncia á familia, á relixión e á ética. Unhas sociedades cuxa única cultura é a do súper home individualista que vive solo cun can ou con varios cans, que mete ós vellos en asilos e que detesta todo o que non sexa hedonista, inmediato, que procure pracer e non cause vínculos.
Jacqueline Bouvier Kennedy Onassis, foi unha muller icona do século XX. Xamais esquecerei o seu retrato cando me levou miña aboa María a visitar a White House en Washington cando eu tiña 8 anos. Aparecía retratada como unha sílfide alargada cunha melena ingrávida mirando de perfil e levaba un vestido camisón lixeiro de cor pexego.
Ay!, pobre Jacqueline! Unha icona do estilo e da moda, da elegancia do século XX  en suma, que parece padeceu por culpa do seu pai, padeceu por culpa do marido Kennedy, padeceu por culpa do segundo marido Onnasiss. Mesmo hai biógrafos que contan dela que no iterregno de matrimonios esa noiva de América tiña que trampear as compras do seu armario nos grandes almacenes de prêt-à-porter de luxo asentados nos estados veciños a Nova York, onde conseguía gangas a cambio de publicidade.
O estilo é importante, a moda é interesante, pero non pode provocar que esquezamos a ética, a moral e a integridade. Os influencers non poden predicar, sustentable, vegano, libre, cando falan soamente por boca dos seus contratos publicitarios.
Coco Chanel foi creadora de estilo e unha dona libre, Jackie Kennedy foi creadora de estilo e unha dona escravizada.
O manifesto AntiFashion de Li Edelkoort plantexaba xa no ano 2015 un decálogo de aspectos a cambiar no consumo, no consumismo e no mundo da moda. Agora en 2020 covid-19 son cuestións preceptivas. Debemos abandonar o consumismo sen xeito e abrazar o consumo sensato. A moda é arte, vivamos na arte.          





Ritratto unha ópera
A ópera Ritratto do compositor Willem Jeths fai unha recreación da vida da Marquesa Luisa Casati, unha beleza do inicio do século XX que concibiu a súa vida como unha obra de arte. Vestía roupas espléndidas con intención escénica, adornaba o seu corpo con xoias valiosas con pretensión teatral, acompañaba os seus paseos con tigres ou serpes xigantes, mascotas que tiñan natureza terrible e asustaban ós burgueses nos parques e xardíns proustianos.
Tivo unha biografía épica polo seu xenio de dandi muller; opulenta polas sumas inxentes de cartos que gastou para actuar de cotío como no concertante final dunha ópera de Gioachino Rossini (véxase Cenerentola); dramática pois habitou na falta de entendemento de moitos e finou arruinada como unha Manon Lescaut  do Abate Prévost con música de Giacomo Puccini.
Foi retratada en innumerables ocasións polos fotógrafos Adolph de Meyer, Cecil Beaton, Man Ray e polos pintores Giovanni Boldini, Ignacio Zuloaga, Kees van Dongen, Romaine Brooks, entre outros moitos, todos eles notables creadores do século XX.
A ópera Ritratto tivo de ser estreada o 13 de marzo de 2020 en edición on line, pois a pandemia pechou os teatros tamén en Holanda. Foi un tour de force dramático para a vida non menos dramática dunha artista que tratou o vestiario como arte levando o efecto teatral até o límite suntuario derradeiro de gastalo todo. A súa fortuna foi a materia prima coa que esculpiu as súas obras de arte sobre o seu corpo.
Román Padín Otero           



No hay comentarios:

Publicar un comentario