viernes, 19 de junio de 2020

Retrato do artista adolescente ecg 50.000 16. 6.20




Retrato dun artista adolescente
Na ledicia da celebración dunha efeméride no El Correo Gallego (tamén compre recordar, por qué non, a O Correo Galego o primeiro xornal en galego, que tivo unha notable existencia e que segue vivo na nosa memoria) non se pode facer outra cousa que dar parabéns e expresar contento. Pois é de celebrar que un proxecto editorial se manteña no tempo durando xa 142 anos e que o poidamos ver neste século XXI que é unha época de volatilidade e brevidade.
É asemade de felicitar que contemos os galegos e os santiagueses, o mesmo que os cidadáns de calquera gran capital do mundo, cunha cabeceira propia. Unha cidade é mellor con cabeceira propia pois outorga identidade e serve de plataforma para que os profesionais da prensa, da cultura, da socioloxía, do deporte, do lecer e do audiovisual  se podan expresar e poidan difundir as súas creacións, teimas e inquedanzas.
Non son eu un que teña unha biografía allea á prensa, e en concreto a El Correo Gallego/ O Correo galego, pois si non recordo mal aparecín retratado por vez primeira nas páxinas do periódico da man do xornalista Antón Lopo, quen me describiu como Artista Adolescente a toda páxina, alá polo ano 1988.
Anos despois o xornal da capital de Galiza me ofreceu un espazo onde escribir de literatura, arte, moda e cultura da man do escritor e amigo Alfredo Conde a quen lle teño que agradecer a miña andaina nas artes como profesional na que levo xa máis de 25 anos. Empecei como “adolescente de boa familia con inquedanzas nas artes” para trazando unha traxectoria máis ben doada, chegar a doutorarme en belas artes, ser docente, autor, creador, conferenciante e perenne defensor da moda como manifestación cultural e forma de arte.
Unha época de grandes experiencias foi alá polo 2008 cando José Manuel Rey Novoa me chamou para facer unha sección os domingos dedicada  ás familias de relevancia nas artes e na cultura en Galicia. Esa invitación me permitiu coñecer a moita xente encantadora e brillante. Aristócratas, artistas, coleccionistas, empresarios, escritores, mariños, profesores, foron moitas as xentes con encanto e pulo polo país que puiden visitar, entrevistar e coñecer grazas a esta encomenda.
Tamén Fátima Otero me invitou en varias ocasións para falar de moda e arte no seu programa, Espacio de Arte. E no programa de Ana Iglesias trabei amizade con Teresa Abalde e  Borja Portals entre outros queridiños e queridiñas.
Así as cousas podo afirmar que teño vivido máis anos sendo redactor colaborador do xornal que alleo ó mesmo. O xornal é a miña primeira lectura cada mañá e tamén é sen dúbida onde se aloxan moitos dos meus máis queridos recordos de profesión. Así que eu non podo se non felicitar a este xornal por existir, pois eu non sería eu evidentemente sen El Correo Gallego.
Román Padín Otero          



No hay comentarios:

Publicar un comentario