jueves, 30 de octubre de 2014

Danza e moda, FV 30.10.2014





Danza e moda
O Museo do Fashion Institute of Technology (FIT) en Nova York, dedica unha exposición á relación entre a moda e a danza. Baixo o título “Dance & Fashion”, expóñense entre o 13 de setembro deste ano e o 3 de xaneiro de 2015,  un cento de traxes de baile ou inspirados polo baile. Abranguendo un espazo temporal que vai, dende o inicio do século XIX até os nosos días.
É unha mostra organizada pola dirección do museo, Dr. Valerie Steele, que conta cunha efectista posta en escena do estudo de arquitectura Kim Ackert. Acompañando á exposición tense publicado un catálogo de varios autores na editorial Yale University Press.
O FIT, é unha das principais institucións públicas da cidade de Nova York. É unha escola de altos estudos en deseño, moda, arte, comunicacións e negocios. Que conta entre os seus servizos cun museo. Unha institución museística, onde se mostran de xeito rigoroso e innovador, pezas relacionadas co vestido e os seus ámbitos veciños. Arte e moda, son unha constante no Museo do FIT.  As exposicións de moda deste museo conforman, xunta as do Metropolitan Museum, acontecementos de referencia na axenda cultural americana.
Tamén o ballet e a danza en Estados Unidos, e especialmente en Nova York, son elementos axiais da axenda cultural. A cidade dos rascacelos é sede do American Ballet Theater, New York City Ballet, Alvin Ailey American Dance Theater, Martha Graham Dance Company, Merce Cunningham Dance Company, Dance Theatre of Harlem…agrupacións para as que se teñen creado egrexios vestiarios, algúns dos cales engrosan os fondos desta exposición temporal.
O período romántico sirve de introdución á mostra, con traxes da década dos trinta do século XIX. Os volátiles traxes de gasa e as cores suaves son as iconas da época. O gusto polos exotismos da época veñen representados por traxes de estilo “español”, evocadores dos contos da Alhambra e outras Cármenes. Nesta sección atopamos un modelo deseñado polo célebre escenógrafo, decorador e debuxante, Christian Bérard, quen fora alma mater do teatro en Francia nas primeiras décadas do século XX.
A influencia dos Ballets Russes, a compañía de ballet do empresario Diaghilev, foi definitiva na escena cultural e na moda da época da súa vixencia. Entre 1909 e 1929, o gusto cedeu ó orientalismo divulgado pola compañía rusa. Paul Poiret, creou pantalóns á turca ou turbantes inspirados nos traxes de escena da compañía. Os deseños de León Bakst para Schéhérazade de 1910, están na mostra. A pegada dos ballets rusos durou no tempo, e o propio Yves Saint Laurent, creou en 1976 a colección chamada dos Ballets Russes, con importantes brocados, aplicacións de marta, visón e raposo, tafetás e sedas. Traxes de Ungaro, corpiños levados por Rudolf Nureyev e Mikhail Baryshnikov, completan o leitmotiv ruso da mostra.
A moda inflúe nos traxes de ballet e acontece ó inverso asemade. Christian Dior creara un vestido inspirado no cisne negro. E para “Simphony in C”, Marc Happel, creou traxes inspirados no propio Dior e no mestre Balenciaga. Outras voltas son os modistos quen prestan o seu icónico estilo para a escena danzística. Yves Saint Laurent, Ricardo Tisci para Givenchy, Christian Lacroix, Jean-Paul Gaultier , Valentino, Prabal Gurung, Giles Mendel. Olivier Theyskens, Rodarte, Iris van Herpen, son algúns dos modistos cuxa apartación á escena está representada na mostra. En calquera dirección, danza e moda, conxuntamente crean un novum, unha novidade estética singular.
Coreografías e traxes
As coreografías de Martha Graham, teñen unha natureza consustancial cos traxes empregados polos bailaríns. Hai movementos subliñados ou esvaecidos, por saias ou capas, de xeito que coreografía e traxe forman un todo. A propia Martha Graham deseñaba algúns deles. E na mostra, exponse un dos traxes creados por Halston para a compañía.
O estilo de deseño de vangarda, aparece nos traxes para a escena creados por Narciso Rodríguez para Morphoses. Rei Kawakubo para o ballet de Merce Cunningham, Scenario. Desta volta, o minimalismo do primeiro e a invención de formas expresionistas da segunda, fanse notar nas respectivas creacións escenográficas.
O gusto polo chamado estilo español, aparece por segunda volta na mostra. Con traxes de Balenciaga, Elsa Schiaparelli, Jeanne Paquin, Óscar de la Renta e Ralph Lauren, que traen a colación dun xeito ou outro, a teima ecuestre ou de volantes e flores, arquetípica do estilo andaluz, que resulta recorrente dentro e fora da escena polos deseñadores.
Outras teimas de corte etnográfico, son tamén motivo de inspiración nas modas e nos escenarios. África inspira ó moi innovador deseñador Rick Owens, quen fai das formas tribais un emblema. Facendo un aporte de máxima vangarda á mostra, pois Rick Owens, ven sendo a máxima singularidade estética das pasarelas internacionais nas derradeiras tempadas.
Completan a mostra do FIT, un conxunto de fotografías, vídeos e documentais que reflicten o universo creativo de pigmalións e crisálidas que é a maridaxe da moda coa danza.

Román Padín Otero   

No hay comentarios:

Publicar un comentario