jueves, 2 de octubre de 2014

Horst P. Horst FV, 2,10,2014





Horst P. Horst, fotógrafo de estilo
O museo Victoria and Albert de Londres dedica unha exposición ó fotógrafo Horst P. Horst. Unha visión rigorosa e axial das elegantes fotografías dun dos mestres dese arte, cuxa traxectoria abrangue sesenta anos do século XX.
Trátase dunha grande retrospectiva organizada sobre a base dos arquivos do grupo Condé Nast. A editora de revistas de moda e estilo como Vogue ou Vanity Fair, para quen traballou Horst P. Horst dende o ano 1931, puxo ó dispor do museo, non soamente antigas fotografías, se non tamén negativos de branco e negro e transparencias de color realizados polo fotógrafo ó longo da súa carreira, para ser novamente impresos en gran formato e facer a instalación da mostra.
O interese da mostra é daquela múltiple. Pois xunto ás icónicas imaxes art déco de influencia clasicista firmadas por Horst, expóñense outras descoñecidas para ó gran público. Xunta ás fotografías pódense ver tamén portadas de época das revistas onde aparecía o traballo de Horst P. Horst, os seus cadernos de bocexos e información videográfica. Todo o cal serve para percibir o espírito da mostra, que non é o ámbito da moda, se non o do “estilo”.
Horst P. Horst, xunto a Richard Avedon e Irving Penn, forman a trindade de mestres de estilo do século XX. No caso de quen ocupa esta exposición, é o seu traballo para o mundo da moda un ámbito, no que reflicte unha constante elegancia, mestría na cor, dominio do branco e negro, efectistas composicións e eterna sofisticación.
Nado en Alemania, desenrolou a súa carreira principalmente en París e Nova York. No ano 1931, cando Horst P. Horst entrou a traballar co grupo Condé Nast, a cidade da luz era o centro do mundo da moda e da alta costura. Daquela nas revistas de moda estábanse a impoñer as fotografías fronte ás ilustracións, e o visionario editor Condé Montrose Nast, quixo dotar ó seu equipo para facer as mellores e máis definidas fotografías da época. Unhas cámaras de gran formato, un estudo ad hoc, e a colaboración do fotógrafo coa modelo, o director de arte, o editor de moda, os asistentes de estudo e os técnicos do set, facían posibles maxistrais fotos de 25,4x20,3 cms, que serviron de diario do estilo dunha época.
As modelos eran daquela profesionais incipientes, de cotío amigas con estilo de membros do staff de Condé Nast. E tamén ás veces aristócratas elegantes ou actrices. Horst P. Horst, fotografou asemade a moitos dos persoeiros das artes e da sociedade internacional daqueles anos de vangardas, grandes guerras e viaxes transoceánicos. Un dos seus primeiros retratos de actrices foi a Bette Davis no 1932 para Vanitiy Fair. Un cabo de listaxes que incluía a tódalas estrelas e celebridade da época pasando por Marlene Dietrich ou a propia Coco Chanel.
Na década dos anos cincuenta Horst P. Horst, realizou una pléiade de retratos de corpos espidos de grande inspiración clasicista. Composicións onde a luz dialoga con corpos atléticos denudes, creando unhas imaxes evocadoras dunha gliptoteca que sae dos mármores tridimensionais para incorporarse ó eido bidimensional da fotografía.
Na década dos sesenta, a editora de Vogue América, Diane Vreeland, propuxo a Horst P. Horst, a fotografía de interiores de casas. Daquela un novo eido de traballo se incorporou ó universo Horst, coas imaxes de casas de entre outros, Jackie Bouvier Kennedy Onassis, os Duques de Windsor, Andy Warhol ou Karl Lagerfeld.
A fotografía de naturezas caleidoscópicas, inspiradas nas visións xeométricas de plantas realizadas por Karl Blossfeldt (1865-1932), é outra das teimas que completan o catálogo do traballo de Horst P. Horst. Estudos case que abstractos de plantas realizados no New York Botanical Gardens, en fragas de Nova Inglaterra, en México. Sempre co leitmotiv da arquitectura gótica e caprichos de formas.
O surrealismo
A década dos trinta e corenta, ven marcada pola incorporación das innovacións das vangardas ó ámbito dos medios de comunicación de masas. Cubismo, surrealismo, fauvismo, futurismo, saen dos ámbitos dos manifestos e dos grupos de artistas e coleccionistas, para ser recoñecidos polo gran público, a través fundamentalmente da divulgación que deles fixeron as revistas e a moda.      
O interese polo corpo feminino dos surrealistas atopou lóxica acolleita no mundo da moda. Ademais o onírico ou ámbito do soños, que era o enderezo inspirador da “outra” realidade dos surrealistas, ofrecía características idóneas para o mundo da moda. Artistas como Salvador Dalí ou Giorgio de Chirico, foron celebrados pola moda. Con portadas de Vogue, editoriais de moda e mesmo escaparates ou deseños de tecidos.
A modista Elsa Schiaparelli, pasou á historia como a deseñadora surrealista. Coas súas siluetas rematadas con chapeus zapato, abrigos con bolsiño en forma de queixón ou xoias con forma de insecto.
Horst P. Horst, trasladou ese universo surrealista ó mundo da moda. Realizando para Vogue, numerosos editoriais de inspiración surrealista, tanto na composición como na moda que neles se expuña, ou no tratamento da luz e do corpo que evocaba ás lánguidas invencións de Max Ernst e os seus minotauros.
Esa integración do surrealismo á moda, retratando os traxes do ballet “Bacchanale” ou retratando ó propio artista Salvador Dalí co seu mostacho ingrávido,  ou á modista Elsa Schiaparelli con xesto onírico, pasa por ser unha máis das múltiples aportacións axiais de Horst P. Horst, ó estilo culto e intelixente da forma de vida entre moda e cosmopolitismo do século XX.

Román Padín Otero

No hay comentarios:

Publicar un comentario