jueves, 16 de octubre de 2014

The future of fashion is now, FV 16.10.2014



O futuro da moda é agora
No museo Boijmans van Beuningen de Róterdam, estase a expor unha mostra sobre a situación actual do sistema da moda. Baixo o nome “The future of fashion is now”, entre o 11 de outubro e o 18 de xaneiro, pódese visitar esta exposición de “tese” sobre o contido e o sentido da moda. No ano 2009, este museo Boijmans, que é o epicentro do deseño de moda dende Holanda, organizou a mostra “The art of fashion”, na que se expuña unha colectividade de propostas que mesturaban arte e moda. Foi aquela unha selección de traballos icónicos de deseñadores principais da escena internacional da moda de vangarda.    
Arestora o museo Boijmans, propón unha viaxe ó redor do mundo coa moda máis innovadora. Na que se analiza o xeito no que compre afrontar o traballo feito polos deseñadores novos e na que se estuda o rol da roupa na sociedade contemporánea. París xa non é o único centro da moda, e deseñadores chegados doutras localizacións fora de Europa ou de países limítrofes, onde tamén se fai creación téxtil actualmente, puxan para facer trocos na vestimenta. Estes creadores aportan novas estéticas e utilidades que son incorporadas como vangarda.                                                                                                      
Nos 1.500 metros de exposición, móstranse prendas, vídeos, accesorios e instalacións que tratan da concepción dun novo sistema da moda con estética iconoclasta. Cuestionando teimas como a necesidade dun troco de vestiario cada seis meses o que ven sendo o calendario actual dos desfiles e coleccións. Cuestionando que se manteñan criterios estéticos previos xa coñecidos. Cuestionando aínda a utilidade das vellas ou as novas tecnoloxías na manufactura de roupa onde aparecen novas funcións nas prendas textiles.
A estrutura de mostra e complexa, contando non soamente coas prendas exhibidas, mais tamén cun xurado internacional para seleccionar novos talentos. Unha web onde se pode seguir o traballo en curso de varios proxectos encargados ad hoc e un debate on line sobre extremos varios da cuestión do vestido en distintos campos na actualidade.                                                                         
Os novos deseñadores aportan solucións no ámbito da arte e a moda. Traballan en torno da sostenibilidade e poñen en dúbida o valor social da roupa. ¿Pode a roupa cumprir unha función creativa fora da utilidade? ¿pode a roupa servir de alegado político? Son algunhas das interesantes preguntas ás que busca dar resposta esta exposición.                                                      
Son máis de cincuenta deseñadores internacionais convocados, uns consagrados e outros, a maioría, descoñecidos. As proposta dos famosos Viktor & Rolf, é un xardín zen no que se cavila o xeito de alcanzar un comportamento espiritual. A oriental Wang Lei, propón traxes tradicionais feitos con papel hixiénico tricotado. Dende o Reino Unido, Carole Collet, explora materiais sostibles no seu experimento de lazos que crecen de plantas de fresas. Piyuupiru, investigan dende Xapón en materiais tecidos. E Pauline van Dongen no seu “wearable solar project”, estuda avances tecnolóxicos en relación da moda coa enerxía. Outros deseñadores presentes como Iris van Herpen, aporta a súa excelencia, recoñecida pola Cámara Sindical da alta costura, onde desfila como invitada, propoñendo novas formas marabillosas. Novos materiais que sorprenden favorablemente. E as súas esculturas para vestir que son froito de intelixentes colaboracións interdisciplinares. Ela é un deses casos nos que a nova moda de vangarda é moito mellor que a clásica moda tradicional. Un deses casos nos que o novo non deixa espazo á nostalxia e ten carácter de obra de arte e non de experimento bocetístico.                                                       
Están tamén os sombreiros de Christophe Coppens. As deconstrucións de Comme des Garçons. A mestura de arquitectura, arte, política, natureza e escultura de Hussein Chalayan e a moda para snobs de Maison Martin Margiela. Una exposición da moda de agora que mostra o que é a moda de despois.

Moda e filosofía                                                                    
A función dunha exposición desta natureza non é soamente mostrar traballos que mais ou menos epaten ó burgués e admiren ás vítimas da moda. Se non que é, sobre todo, un medio para reflexionar sobre os fundamentos teóricos e filosóficos que xustifican os trocos do aspecto. A imaxe ,tanto vestida como espida, encontra xustificación semiótica nun conxunto de principios que rexen o espírito da moda en cada época.                                                                           Arestora en plena hipermodernidade, as cuestións tópicas de tertulias de programas de máxima audiencia ou de señoras en perruquerías ou de homes en ximnasios, sobre a elegancia ou a sensualidade. Ou sobre a figura escultórica dunha noiva ou hercúlea dun porteiro, non son a única teima da teoría da moda. Os nosos tempos non son elegantes ou protocolarios. Hoxe non hai cinco tipos distintos de traxe para cinco momentos do día. Nin a xente común se comporta con refinamento estudado. Hoxe ó tempo é de cuestións prácticas, utilidades e realidade.          
Por isto, unha parte das exposicións de moda non estudan as virtudes dos grandes couturiers, nin a elegancia do perfecto cabaleiro, nin a historicidade dunha época. Mostras como a do museo Boijmans, trata da realidade da contemporaneidade. Así na web da exposición, pódese seguir un debate on line no que se discuten teimas varias, que están incardinadas no motivo derradeiro da mostra.    O consumismo e a moda, a sostenibilidade, a identidade e a moda, son algunhas das teimas en discusión. Tamén a maneira de tratar o mercado, con apoio no sistema ou baseándose na intuición, as marcas ou as persoas, ocupan outra parte dos debates. En fin a fantasía na moda, a forma do corpo nos nosos tempos ou as estéticas inmediatas, é dicir aquelas que dominan unha tempada pero que logo non deixan pegada, son algúns dos temas que se discuten para fortalecer un novo sistema da moda concibido polos deseñadores máis novos. Aqueles que teñen o pulso do tempo actual.


Román Padín Otero     

No hay comentarios:

Publicar un comentario