jueves, 25 de abril de 2019

Materiais e tecnoloxía revisitados. FdV; FdC; 25.4.2019









Artesanía e tecnoloxía revisitadas.
Dentro da tendencia cultural global de volta ás orixes con alimentos naturais, materiais básicos e procesos industriais intelixentes, atopamos asemade unha volta ás formas sinxelas, xurdidas de procesos artesáns ou que os procuran coa axuda da tecnoloxía.
O deseño está a experimentar un renacemento do artesán, Galicia participa deste bulir e conta con múltiples manifestacións neste eido. Cada primavera celébrase o Milano Design Week e o Salone del Mobile, onde tódalas grandes empresas mostran nunhas intervencións espaciais que teñen carácter de creación artística, as súas novas propostas en deseño de mobles, decoracións, materiais, accesorios. Nesta edición atopamos dúas liñas destacadas, a tecnolóxica e a artesán. Galicia é partícipe das dúas e non con tímidas propostas.
A empresa galega Finsa, desenrola múltiples actividades en torno á produción industrial de materiais, facendo fincapé no deseño, arquitectura, I+D e colaboracións externas, no eido amplo da madeira e os seus derivados.  Están presentes en numerosas convocatorias ó redor do mundo cada tempada, dende hai anos. Desta volta presentan  no Fuori Salone de Milán,  Astralbodies, unha colaboración cos arquitectos Enormestudio que supón unha procura de novos usos da fibracolour, un dos produtos máis novos de Finsa que ofrece múltiples posibilidades. O site specific está formado por un conxunto de estruturas astrais de gran volume formados a base de lascas de cores do novo material e que levan na súa forma a memoria topográfica de lugares galegos, Allariz, Cervo, Herbón, Sálvora.      
Presente asemade en Milán está a firma Loewe que pertence ó conglomerado francés L.V.M.H. (Louis Vuitton Möet Hennessy), e que conta dende 2013 con Jonathan W. Anderson como director creativo. Quen leva ó extremo as propostas con espírito artístico desta máis que centenaria firma de luxo. Conta tamén coa Fundación Loewe onde se traballa con tódalas formas de expresión artística, especialmente a poesía e o premio homónimo. Tamén  a artesanía (cerámicas, esculturas de usar, pratería) e o debate. O proxecto Casa Loewe é o nome comercial que emprega a firma para denominar a súa tenda central na rúa Serrano de Madrid. E tamén é o xeito para denominar participacións en feiras e tendas polo mundo. En Milán Casa Loewe tiña unha instalación na que os cestos de palla decorados con pezas de coiro, os bolsos trenzados, e os obxectos con atados de coiro se presentaban nun ambiente de vella casa rural ou antiga tenda de cestería. Cos cestos  colgados do teito, os muros cubertos de louza de Fajalauza e mobles de madeira de alta época.
Entre esas marabillas estéticas de ritmo lento aparecen as creacións das Redeiras de Galicia, (Rosa e María Jesús de Corme), que se presentan como un colectivo que recuperan vellas redes de pesca para transformalas en obxectos de arte. Empregando antigos nodos mariños e técnicas de fiado, as súas creacións aparecen imbuídas coa historia e o simbolismo da herdanza das artes da pesca do Norte de España.
Aparece asemade dentro das propostas de Casa Loewe, a artista galega Idoia Cuesta. Quen se presenta procurando inspiración para as súas pezas trenzadas, tanto no seu redor en Galicia, como en Escandinavia ou no Este máis Afastado. A súa curiosidade e actitude experimental cara ás técnicas de fiado teñen un exemplo inmellorable na chamada Técnica do Caos, un proceso espontáneo que garante a univocidade da cada peza creada por ela. Nesta edición a Casa Loewe conta asemade co cesteiro Álvaro Leiro.
Un notable impulso á creación artesán galega veu da man da Fundación Pública Artesanía de Galicia. Que desenrola programas de formación, difusión, imaxe e identidade corporativa do universo artesán. Coincidindo coa feira de Milán presenta a Fundación en Madrid o salón Saberes y Sabores localizado no Palacio Santa Bárbara. No mesmo case que medio cento de artesáns de tódolos ámbitos de actividade, dende a gastronomía, até a cerámica ou a xoiería presentan as súas creacións de xeito conxunto nun pop up store que xa leva varias edicións ás costas, sementando sempre grandes sucesos.      
Pensar coas mans
O Gaiás Cidade da Cultura está a presentar a exposición Pensar coas Mans que se dedica á cestería, cerámica e xoiería de Galicia. A exposición poderase visitar até o mes de setembro deste ano 2019 e ten un evidente carácter pedagóxico e divulgativo da actividade creativa máis vinculada ós obradoiros, talleres e estudos dos creadores que en Galicia traballan coas mans.

Conta cun itinerario temático que se inicia baixo dunhas cúpulas que serven de expositor a louzas, xoias, téxtiles, cestos e trenzados. O dispor toma inspiración no pensamento de John Ruskin o clásico autor británico do movemento Arts&Crafts.
Hai outra sala dedicada á cerámica na historia, cun certo aire antropolóxico ou de bagaxe cultural e herdanza do pasado das cerámicas que tradicionalmente se facían en Galicia, expoñendo pezas do século XIX e XX. Hai tamén un espazo dedicado á cestería onde se poden ver obxectos fantásticos de uso cotiá no agro e na costa, algúns dos cales resultan           asombrosos pola técnica de execución e polo tamaño.
De seguido atopamos o traballo en vivo do artesán Rubén Berto quen constrúe in situ un cabaceiro. A peza de gran tamaño, é un cilindro cónico de vimbieira recia apoiado en catro pilastras, que truncado polo tronco superior complétase por un cono invertido de palla que serve de tellado.
Hai unha sección dedicada á xoiería con torques, pendentes, sapos, colleres e outros accesorios feitos en ouro, prata, metais, acibeche e coral. Que se completa con dous retratos con visións románticas e folcloristas de donas galegas pintados por Joaquín Sorolla e Xesús Corredoyra.
De remate hai unha sección de pezas de louza e cerámica de creadores do século XX e XXI, entre os que compre salientar unha gran peza de Xavier Toubes que ademais ten unha natureza brutalista que é unha das tendencias estética máis populares nos nosos días.
Román Padín Otero             



No hay comentarios:

Publicar un comentario