jueves, 13 de octubre de 2011

Un cadro só, Faro de Vigo, Faro da Cultura 13.10.2011


Un cadro soio
O estilo barroco ou de profusión ornamental, atopa contrapunto na ausencia de elementos superfluos que predica a arte clasicista. O estilo neoclásico prefire mostrar con equilibrio, poucos obxectos ou un único obxecto para que se podan deleitar os sentidos de xeito mais profundo,fronte á acumulación barroca que provoca esgotamento por exceso.
A forma de mostrar arte na actualidade abonda máis no barroco que no clasicismo.Una forma de expresión popular como o graffiti, co cal se enchen os muros enteiros de debuxos e caligrafías, atopa referente na decoración barroca do “medo ó vacío”, na que tódalas superficies quedaban cubertas con rocallas e ouro.
Tamén as iconas dos medios de comunicación, nas que as imaxes se suceden a ritmo de segundeiro, son unha forma de expresión plástica barroca ou representativa do exceso.
Exposicións cheas de cadros, galas musicais cheas de fragmentos de ópera en éxtase, desfiles de moda cheos de modelos, mensaxes de teléfono en bloque ou titulares acumuladas na prensa on line. Son todos eles, expresións plásticas e de comunicación visual presididas polo leitmotiv do “máis e mellor”.
Fronte á cultura do ornamento e do “máis é mellor”, estamos a presenciar unha reacción que tenta camiñar cara o clasicismo. Dito de outro modo, para non morrer no intento da ansiedade da vida hipermoderna, o mellor, será dar dous pasos atrás e poñer en valor a singularidade da creación. Dunha creación presentada como unívoca, sólida na súa individualidade e apoiada no “menos é máis”.
Este xeito neoclasicista, de afrontar as expresións plásticas, ten múltiples manifestacións .
A arte de grandes producións, como sería o caso das mostras chamadas “Monumenta”, no Grand Palais de París, sería un acercamento da univocidade da obra de arte a un espazo expositivo. Unha sola gran peza de un artista, ocupa de cada volta o espazo enteiro deste pazo de vidro. Anselm Kiefer, mostrou o seu universo melancólico de cidades grises cheas de alegorías da ruina. Foi unha única gran instalación en todo o pazo de cristal, no ano 2007. Richard Serra, instalou no ano seguinte uns enormes monolitos metálicos representativos do seu discurso escultórico. Logo Christian Boltanski, encheu o espazo, cunha reflexión sobre a fe e a morte, expoñendo unha inmensa instalación téxtil. En fin, a derradeira Monumenta, asinada por Anish Kapoor, era un enorme espazo dentro do espazo de cor vermella. En calquera destas catro propostas, primou a idea contundente dunha sola gran peza coa que indagar no universo creativo do artista.
A Royal Academy de Londres, contou entre un dos seus mais senlleiros membros co pintor William Turner. O artista a cabalo entre o romanticismo e o impresionismo, elevou a pintura de paisaxes á categoría de xénero singular no século XIX. As súas presentacións de novas obras, estaban rodeadas de expectación, e non era infrecuente que se mostrara de cada volta un solo cadro ou que se recorden os salóns da Academia, polo título do cadro que presentaba o artista, tal e como acontece co salón de 1796, que se refire nos manuais como o do lenzo “Pescadores no mar”.
Como unha forma de homenaxe ó pintor Turner, será nesta tempada de 2011-2012, cando o tamén pintor David Hockney, expoña na Royal Academy of Arts, as mais grandes pinturas de paisaxes, da historia, feitas con asistencia computerizada. Será unha enorme visión da paisaxe de Hockney, a través da tecnoloxía e do tempo.
Tanto o Turner da época da máquina de vapor, como o Hockney das paisaxes, ofrecen ó público unha visión que incide na univocidade da obra pictórica.
Non por último menos importante, na xestión museística tamén se pode dirixir a vista cara a unha xestión clasicista. Así tamén cunha obra de Turner (na primaveira-verán deste ano), o museo de Belas Artes de Bilbao, ofreceu ós visitantes a sección titulada “La obra invitada”, onde unha sola obra, acompanada de explicacións e comentarios invita ó lecer da audiencia.
Na historia da arte, hai en fin tamén, páxinas dedicadas a unha sola obra de arte. Tal é o que acontece co retrato do Papa Inocencio X, pintado por Velázquez no ano 1650. Este retrato é considerado por moitos estudosos, como o mellor retrato da historia, onde se transmite a personalidade psicolóxica do retratado, e se fai unha investigación arriscada da cor, tendo realizado Velázquez, a totalidade do cadro en variacións de vermello. O retrato barroco, foi ademáis inspiración única para máis de corenta versións pintadas por Francis Bacon. Un único cadro, un retrato soio.
André Leon Talley
O artista Rafael Cidoncha (Vigo 1952), adentrándose na idea clasicista de exposición de obras de arte únicas e ailladas, presenta, nesta temporada, na Sala Alterarte de Ourense, a exposición titulada “Un retrato de A.L.T.”. Unha mostra composta por un solo cadro de gran formato, que pon en valor a idea da singularidade da obra de arte.
Fronte á idea de muros absolutamente pintados co horror vacui do século XVIII ou fronte á versión en clave contemporánea do medo ó vacío do barroco, que serían os muros de grafitteiro, Cidoncha, retoma a idea neoclásica da peza única, exhibida con pulcritude e pureza de liñas.
O estilo realista de Cidoncha, aplícase desta volta para retratar a un persoeiro excelso do universo da moda. O editor at large do Vogue americano, crítico de moda, e propulsor de novas celebridades, André Leon Talley.
A.L.T. aparece retratado con aire opulente, envolto nunha robe de chambre de cor escura, levando zapatos de gala e amparado por un telón de fondo de aires chineses con estilo de toile de jouy.
Resulta paradóxica esta metalectura da moda por medio do retrato de estilo clásico dun personeiro principal dese universo efímero e fugaz. Un cadro de cabalete, pintado con técnica da escola de arte realista española, precisa de infinitas xornadas de traballo. Así o pintor emprega un estilo baseado no doce soporte do tempo para representar a  un persoeiro que dedica a súa actividade profesional a convertir a evanescencia das coleccións de moda en gozo circunstancial dunha fotografía ou un editorial. Unha actividade que idealiza en clave eterna,  un breve desfile ou que fai dun dictado de estilo algo tan fugaz que cando é percibido xa ten pasado de moda.
O retrato en grande formato (220x180) dun máis grande persoeiro do universal mundo da moda, buscar fusionar a arte coas artes aplicadas e server como metáfora da experiencia creativa como único motor estético da existencia. Ó ollar para o cadro percíbense sen dúbida numerosos paralelismos con grandes obras da historia da arte. A semellanza co retrato de Inocencio X pintado por Velázquez, é automática. Tanto o xesto do retratado, como a psicoloxía do retrato ou as cores recordan a Velázquez. Asemade, a sensación de aillamento do persoeiro pintado por Cidoncha, invita a pensar nas versións que do Papa Inocencio, fixera Francis Bacon.
Co retrato único de Cidoncha, procurase a reflexión nas artes e na disciplina estética.
Román Padín Otero

No hay comentarios:

Publicar un comentario